Somos historias

Mercedes Corbillón FUGAS

FUGAS

Fotografia de María Vinyals, aínda moza, nos arredores do castelo de Soutomaior.
Fotografia de María Vinyals, aínda moza, nos arredores do castelo de Soutomaior. alvarellos

12 novs 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

En Soutomaior naceu Silvia Cernadas. Cando era nena, miraba ao castelo coa fascinación que outras miran as estrelas. Sempre quixo saber que sucederá alí, coñecer a memoria de cada unha das súas pedras, por iso tivo claro dende nena que estudaría historia. Debía descifrar as pegadas do pasado.

Sempre admiro as persoas que nacen cun destino.

Silvia sabía pola súa bisavoa e pola memoria colectiva do seu pobo da existencia da «Marquesa Roja», a última dona da propiedade medieval. Ese alcume bisba de pais a fillos na vila mentres o seu rastro desaparecera para o mundo. Investigando o devir da fortificación foise encontrando cunha muller incrible, cunha vida de novela de tráxico e incerto final, escritora, feminista, sufraxista, autora dun libro sobre o castelo no que nacera e onde recibía a miúdo a grandes intelectuais da época, algunhas mulleres como ela, case borradas pola historia.

María Vinyals foi descuberta da mesma maneira que se acha unha pirámide comida pola selva. Agora son moitos os que a estudan e quizais algún día saibamos algo dos seus últimos días, tan misteriosos como os doutro famoso habitante da casa ameada, Pedro Madruga.

Onde non chega Silvia nin as investigación científicas, sempre ávidas de certezas, chega a fabulación da literatura, como nese relato da xenial Isabel Blanco construíndo un personaxe a través da mirada dunha pantasma no libro infantil editado por Belagua. A ambas coñecinas baixo o auspicio de Carmela Silva, quen, dende o mando da Deputación de Pontevedra, ten moi claro que, en realidade, somos historias.