Dani da Torre: «Quero facer un 'Master and Commander' da batalla de Rande»

Carme D. Prol / A.A.

FUGAS

MARCOS MIGUEZ

Dani da Torre acaba de presentar o seu novo filme en Ourense, unha historia sobre un grupo de adolescentes ambientada na Ribeira Sacra dos 80

22 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Triunfou no cine con historias de acción, pero esta vez volve á súa adolescencia con Life is Life. Dani da Torre (Monforte de Lemos, 1975) toma as rendas do guion de Albert Espinosa para emocionar a pais e fillos a través dun grupo de adolescentes que pasan o verán na Ribeira Sacra. Life is Life non chegará aos cines ata o 2022, despois de atrasar a estrea por «o mal momento que aínda viven as salas».

­—Vés do cine de acción. Como chega a ti un proxecto tan diferente?

—Cando me chegou a historia, pensei que era moi bonita e diferente, pero non sabía se aceptala. Nesa época a miña nai caeu enferma de cancro e falando con el dos meus proxectos animoume a facela, díxome que me facía falta algo diferente, que me podería vir ben e a verdade é que acertou. Ela morreu pouco despois e foi un cambio de rexistro terapéutico para min. Volvín a cando era adolescente e corría por eses sitios da Ribeira Sacra en bicicleta e foi unha experiencia marabillosa.

­—Que recordos tes da túa adolescencia na Ribeira Sacra?

—Teño moitísimos, de feito foi moi chulo volver percorrela con rapaces de 16 anos, cos protagonistas. Un dos meus colegas participou na película como operador de cámara e lembrabamos todas esas anécdotas xuntos. Tivemos que ensinarlles aos rapaces a usar un teléfono de roda, por exemplo, porque na súa vida viran un. Sobre todo flipaban coa liberdade de poder saír da casa pola mañá e volver ao día seguinte, sen que ninguén che chame, ese vivir a vida salvaxe porque os teus pais confiaban en que estabas a salvo.

—Móstrase o bonito da adolescencia, pero tamén aparecen o cancro, a droga…

—Moitos adolescentes teñen que madurar antes que os demais. Na película, o pai de Suso está enfermo e o ten que traballar na empresa do seu pai levando todo ese peso. Ao final, a vida faiche madurar polas situacións persoais que se viven en cada familia. Logo, o tema da droga nos 80 foi terrible. No meu pobo foi devastador, unha xeración de mozos e mozas que se foi á porra por culpa da heroína. Non podemos contar que todo era felicidade e alegría. Tamén había problemas moi serios, que desde a óptica duns rapaces de 16 anos víanse dunha forma diferente.

—Inspiráchesche en clásicos como «Os Goonies» ou no cine de Spielberg?

—Está claro que cando contas unha historia de aventuras desa época tes que acudir aos grandes clásicos, Os Goonies, Conta comigo, ET, ou Verán azul en España… Esta temática non abunda na cinematografía española, e non hai case referentes. Ao final, é bonito que sexas ti dos primeiros en facer algo que non hai, oxalá sexamos uns referentes como o foron eles para o cine americano.

—Cando tiñas a idade dos protagonistas, xa sabías que querías dedicarche ao cine?

—Que vai, eu quería ser veterinario. Empecei a facer os meus primeiros pasos cando a miña nai comprou unha videocámara para gravar as festas familiares e eu collíaa sen permiso de cando en vez. Busquei ese camiño despois, pero algo se me removía por dentro sempre: a necesidade de contar historias. Foi cando empecei a estudar Imaxe e Son, entrei aí porque me encantaba a fotografía e ao final achegáronme unha cámara e empecei a facer os meus primeiros curtos.

—Algunha historia no caixón que che encantaría trasladar ao cine?

—Hai tantas Me gustaría facer un Master and Commander sobre a batalla de Rande, por exemplo. Unha batalla moi épica nunha época convulsa. Atráenme moito este tipo de historias. É moi complicado porque son producións moi custosas, pero nunca se sabe, sempre tiven en mente esa historia e hai que manter o soño activo.