As «virtudes» do Xesús Fraga narrador

Ramón Nicolás

FUGAS

O escritor Xesús Fraga coa cuberta da novela que acadou o premio nacional.
Ou escritor Xesús Fraga coa cuberta dá novela que acadou ou premio nacional.

22 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Non me sorprendeu a concesión do Premio Nacional de Narrativa 2021 á recente novela de Xesús Fraga. Albergaba a convicción de que Virtudes (e misterios) fora unha das propostas máis salientables que se editaron entre nós o ano pasado. Outra cousa é que conseguise alzarse entre outras propostas a nivel estatal: algo que nunca é doado. Curiosamente, semellaba que o feito de acadar o premio Blanco Amor de Novela en 2019 xa fora abondo como confirmaba tanto a escasa, por veces distante, recepción da súa edición en lingua galega como a súa ausencia, cando menos na categoría de finalista, nos galardóns que recoñecen pública e anualmente o máis salientable da nosa narrativa. Fariña doutra muiñada.

Non me sorprendeu -insisto- o feito de que esta novela se sume á nómina de voces que, escribindo en lingua galega, se galardoaron en diferentes edicións deste premio e léase Alfredo Conde, Manuel Rivas e Suso de Toro. Sen dúbida, a escolla traduce, para quen gozou da fortuna de coñecela, a vontade de autoesixencia que veu impoñéndose o Xesús Fraga narrador desde hai tempo, como testemuñan as páxinas daquela peza saudosa titulada Tute para catro (2000), pasando por A-Z (2003) e Solimán (2004) ata a presente, sen esquecer esoutras obras da literatura infanto-xuvenil como foron Reo (2012) e Ou elefante branco (2013). En todas elas latexan motivos que, en diferente medida, se modulan, maduran ou agroman poderosamente en Virtudes (e misterios).

Xesús Fraga persegue -paréceme- a identificación emocional co que conta e neste caso o deseño, honesto e sincero, que exhiben os personaxes -ou persoas- que poboan este exercicio de non ficción así o fai pensar. Ademais, cunha multiplicidade de recursos, abraza esa rara capacidade de guiarnos, mentres quedamos perplexos pola súa transparencia, a través dese universo que supón a realidade migratoria, en que nada queda fóra, ou nesa recreación vívida do mundo dos sentimentos e das enguedelladas relacións familiares, entre outros moitos trazos que se poderían sinalar, entre outras lecturas que se poderían facer. Proben a entrar nel: non sairán decepcionados.