Peio H. Riaño, historiador da arte: «Cando se retira un monumento retírase a mentira»

FUGAS

David Corrochano

O historiador e xornalista publica «Decapitados» un ensaio sobre o papel dos símbolos nos espazos públicos das cidades

11 oct 2021 . Actualizado ás 22:23 h.

Co que o chama «noción de desilusión» debaixo do brazo, Peio H. Riaño (Madrid, 1975) analiza en Decapitados a destrución de monumentos que «representan valores como o machismo, o racismo ou a exclusión» e as razóns que levaron a cidadáns de todo o mundo a cortar as cabezas de esculturas de Colón ou de esclavistas norteamericanos.

­—Por que escribir agora sobre este tema?

—Neste caso, entendín que a cidadanía estaba pedindo unha limpeza da mentira nas rúas. Investiguei durante ano e medio sobre este proceso cidadán e demócrata que persistiu ao longo dos séculos: Á creación dun monumento, a cidadanía responde coa súa destrución. A pesar de que se constrúen coa intención de ser inmortais e inviolables, rematan converténdose, co paso dos anos, en insoportables. Iso é o que provoca a desobediencia cidadá contra os símbolos herdados de xeracións cuxo pensamento e cuxo formulación social e moral non ten nada que ver co do presente. 

—Por que se derruban agora símbolos colonialistas e non se fixo antes?

—En España e en América, Colón como símbolo emerxe a finais do século XIX, coa celebración do catro centenario, as primeiras críticas xa aparecen aí, desde o primeiro momento xa hai un malestar. España era un imperio que estaba a desaparecer e a menor poder, maior propaganda. Desde o quinto centenario, en 1992, estes monumentos sufriron o rexeitamento da poboación, sobre todo en América Latina. Nos Estados Unidos, desde a morte de George Floyd, acelerouse o proceso porque vivimos nun momento no que non é posible a homenaxe a figuras que provocaron a invasión, colonización, escravitude, apropiación de territorios… É un momento de desobediencia moi alto porque houbo moitos anos de silencio. En España non queremos asumir aínda ese debate.

—Cando retiramos un monumento, retiramos historia ou propaganda?

—O que se retira é a mentira. Un monumento é unha construción propagandística que xorde para reforzar uns intereses políticos concretos e partidistas, un monumento político é unha reivindicación condenada á extinción. Isto xa o decretaron os romanos, había unha figura que lles permitía revisar os seus propios símbolos sacros en canto estes deixasen de ser apropiados para a sociedade e a mesma sociedade que aplaudiu e encheu as súas prazas de esculturas reivindicando figuras políticas, foi a que entendeu que en calquera momento podía destruír eses símbolos para remplazarlos por outros.

—Hai persoas que defenden a súa vixencia, que criterio aplicamos ante posturas que se enfrontan?

—O primeiro é que a vítima sempre ten a razón e hai que respectala. Se hai unha parte da sociedade que é excluída e maltratada coa presenza deses monumentos, hai que atender ás súas peticións. Cando os misak, en Colombia, destrúen esculturas de Sebastián de Belalcázar, fano porque son, como eles din, os sobreviventes dos indíxenas que Sebastián de Belalcázar non puido matar. Se durante este tempo eles sentíronse ofendidos con esa escultura, debe desaparecer, ou polo menos deben ser escoitados polas autoridades. Unha vez pasado o tempo, se as autoridades ignoraron ás vítimas, é lóxico que as vítimas desobedezan.