Vilablues: porque a música negra non se fixo para escoitar sentado

FUGAS

Shanna Waterstown
Shanna Waterstown cedida

01 oct 2021 . Actualizado ás 12:38 h.

Tiveron a súa orixe os ritmos afroamericanos en danzas tribais e en rituais que case sempre se manifestaron a través do baile. Por iso é polo que o Vilablues teña virado no último momento o seu formato para, a tenor dos novos protocolos, ofrecer ao seu público a posibilidade de seguir de pé e en danza os concertos da segunda edición que se celebra en Noia esta fin de semana.

E razóns para danzar non lle van a faltar ao persoal, sen dúbida. Alí estarán para propicialo lendas eternas, e novos e destacados expoñentes de xéneros diversos e variados das músicas negras.

É o caso, por exemplo, de Roy Ellis (Mr Symparip), un dos nomes míticos da historia da música jamaicana, que no Vilablues presentarase o sábado acompañado por The Sound Doctors, un combo irresistible formado por sete reputados músicos.

Tamén forma parte do cartel do sábado outra lenda aos seus 81 anos, neste caso do blues de Chicago, como é Tail Dragger; así como Adrián Costa e Shirley Davis, considerada a nova diva europea do soul, acompañada como sempre por The Silverblacks.

Na xornada do venres concorren J.P.Bimeni , un músico orixinario de Burundi ao que os medios especializados sitúan entre o mellor do blues mundial do século XXI; Shanna Waterstown, «o tesouro mellor escondido da nova escena parisiense do blues» e o compostelán Espiño.

Para o domingo, en sesión de mediodía, resérvase o concerto do Combo Batanga, unha decena de músicos cunha vocación innata cara á música de tradición cubana e o soul latino.

Ademais dos concertos do recinto central, o Vilablues programa outras actuacións en diversas prazas de Noia, como as de Blues do País (venres) ou Mallou e Jay Doe & The Blues Preachers (sábado).

  •  Noia venres, sábado e domingo, abono: 30 euros