Tradutores galegos, barqueiros da mellor literatura universal

FUGAS

PACO RODRÍGUEZ

Poñemos o acento nestes profesionais e no seu arduo traballo de levar unha obra dunha lingua a outra. Aquí facemos unha selección dos mellores títulos. Sen eles non poderíamos ler aos grandes

23 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Mentres Xulia lía ao seu fillo o conto Mortiña, un curmán repugnante, nin sequera se decatara de que a escritora non era galega. Pensaba todo o contrario. Que quen escribira esas marabillosas liñas coñecía moi ben a lingua de Rosalía e a utilizaba con especial mestría. Nada que ver coa realidade. A súa sorpresa chegou cando mirou a tapa do libro e viu que estaba escrito por Barbara Cantini, autora florentina que relata con moita graza as aventuras dunha nena zombi. En cambio, os artífices desta marabillosa tradución si son galegos, Rosa Marta Gómez Pato e Manuel González (Hércules Ediciones). Isto que, a priori, puidera parecer extraordinario, sucede máis veces das que pensamos. E por iso ben merece destacar o fabuloso traballo que fai a canteira de tradutores que temos aquí, en Galicia. Eles realizan con gran profesionalidade ese traballo silencioso que moitas veces pasa desapercibido, pero que é fundamental. Unha boa tradución é a diferenza entre que poidas gozar da lectura ou que non acabes de ler un libro. Ademais, permítenos acceder ás grandes obras da literatura universal. Sen eles, na maioría dos casos non sería posible.

Xavier Senín, premio Nacional á Obra dun Tradutor (2020), realizou traducións de libros tan importantes como O Quixote e de autores como Yasmina Reza, Georges Sand, Daudet, Gustave Flaubert, os irmáns Grimm ou Pierre Loti. Tamén os cómics de Astérix desde o 2008. Precisamente foi en 1976 cando se publicou a primeira edición en galego do irredutible galo e seu amigo Obélix grazas á librería Arenas da Coruña. E desa primeira tradución encargouse Eduardo Blanco Amor. Moito máis tarde tomou o relevo Xavier Senín, que considera que nunha boa tradución é fundamental facer o que no gremio chámanlle anosar, «facer noso o texto e que a xente o recoñeza coma noso, que non se dea conta de que está escrito en alemán, en francés ou en italiano». Así de desapercibido e de difícil é este labor que non está tan recoñecido como debería: «Eu comparo o tradutor como se fose un barqueiro, que leva a barca dun lado ao outro, dunha lingua á outra. Sen o barqueiro, non se pode pasar o río. E sen un tradutor e unha boa tradución non se pode ler unha boa obra».

Sobre os traballos máis difíciles que tivo nas súas mans, destaca precisamente O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha, que fixo xunto con Valentín Arias, Xela Arias, Xosé Antón Palacio, Xosefa S. Fernández e Xesús Senín: «É un libro moi complexo, unha obra mestra. Entón, claro, se xa te pos diante diso xa che entra un pouco de medo. Ten moitas particularidades, moitos refráns, moitos ditos populares que hai que reflectilos en galego ou intentalo e non é fácil».

A dificultade dos «ASTÉRIX»

Tamén destaca as dificultades dos libros de Astérix, pola gran cantidade de frases feitas e cancións: «Os personaxes teñen nomes que recordan algo en francés. Por exemplo, Ordenalfabetix pódese traducir bastante ben, pero Abraracúrcix, non. En francés significa cos 'brazos remangados', pero en galego non di nada», aclara.

Senín fai estas traducións xunto con Isabel Soto. Neste gran equipo tamén participaba o desaparecido Valentín Arias, para o que Senín só ten palabras de admiración: «Valentín foi o tradutor máis importante que existiu en Galicia. Pero morreu xa hai uns anos. Era o pai de Xela Arias, a escritora á que se lle dedicou o Día das Letras Galegas». Precisamente, a autora homenaxeada fixo contribucións tan importantes como a de Drácula, de Bram Stoker (Xerais); O bosque animado, de Wenceslao Fernández Flórez (Xerais); O derradeiro dos mohicanos, de James Fenimore Cooper (Xerais) e que foi premio Ramón Cabanillas; e Dublineses, de James Joyce, con Débora Ramonde e Rafael Ferradás (Xerais), entre moitas outras. Do autor irlandés tamén temos unha xoia en galego, Ulises (Galaxia). A súa tradución feita por Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle mereceu o Premio Nacional a la Mejor Traducción no 2013.

A eses mesmos retos dos que fala Senín tamén tiveron que enfrontarse Rosa Marta Gómez Pato e Manuel González. Eles fixeron a tradución de todos os libros de Mortiña ao galego, a nena zombi que ten fascinados aos nenos de gran parte do mundo: «Atopas rimas, referencias a outros autores clásicos, por exemplo, a Poe, a Oscar Wilde... Despois os caracterónimos, que é como se lle chama aos nomes dos personaxes que están indicando unha característica propia dese personaxe, as ilustracións, que tamén teñen texto e hai que traducilas... Leva moito tempo, pero para min é moi gratificante», asegura esta profesora de alemán da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que considera este traballo coma un servizo á sociedade: «Teño paixón por traducir literatura, pero sinto que teño que facer ese servizo tamén á sociedade, a de achegar textos doutras literaturas. Un labor moi enriquecedor». Marta Gómez, que tamén escribiu en galego Cadros da natureza de Humboldt (editado pola USC), recoñece que non se pode vivir exclusivamente de traducir textos e gustaríalle que este traballo estivera máis recoñecido, «aínda que pouco a pouco vaise logrando».

«Achegar textos doutras culturas é un labor moi enriquecedor»

Varias son as editoriais galegas que teñen un compromiso firme coa nosa lingua. Ademais das mencionadas anteriormente, Kalandraka, Rinoceronte, Irmás Cartoné, Hugin e Munin e Catro Ventos poñen acento galego nas principais obras da literatura universal. Precisamente un deses títulos é Pipi Medias Longas, de Astrid Lindgren, traducida por David A. Álvarez (Kalandraka). O seu esmero por escribir esta obra en galego mereceulle o premio da Gala do Libro no 2018: «Agora é Follas Novas, pero é un premio dos editores, libreiros e autores. Foi un recoñecemento, pero tamén penso que ten que ver con que era unha personaxe e unha obra moi coñecida e non había tradución en galego». Todos estes profesionais falan da meticulosidade, do gran traballo de documentación e das constantes revisións dos textos, pero Álvarez destaca tamén a importancia de facer a tradución desde a lingua orixinal: «Porque se esas traducións tiveran unha interpretación errónea, que pode pasarlle a calquera, logo se perpetúa ou incluso se empeora. E pasa ás veces».

Precisamente Laureano Araujo, que realizou a tradución ao galego de A transformación, o famoso libro de Kafka (Kalandraka), puxo o acento nun erro de tradución do título desta obra durante décadas. «Kafka nunca escribiu A metamorfose», publicou en La Voz sobre as consecuencias deste erro cometido nos anos vinte do século pasado e que chegou ata os nosos días: «Que hoxe poidamos ler en portugués A transformação, en español La transformación, en catalán La transformació e en inglés The Transformation débese sen dúbida a que por fin os tradutores se decataron de que ese si que é o libro que Franz Kafka escribiu: A transformación». Da editorial pontevedresa tamén cómpre destacar a tradución de Xesús Fraga en Na Estrada, escrito por Jack Kerouac, un clásico da literatura norteamericana do século XX, que contribuíu a mitificar a famosa ruta 66.

Trescentas páxinas en dous meses 

Moisés Barcia, editor de Rinoceronte, pasou dous anos traducindo O Señor dos aneis. O texto de J.R.R. Tolkien foi un dos seus primeiros traballos dos 160 que ten agora: «Un libro de 250 ou 300 páxinas podo traducilo nun par de meses. Antes volvía moito atrás, reformulaba, cambiaba, comparaba con outras traducións noutras linguas... Pero hoxe en día teño xa bastante automatizado o proceso». Tamén traduciu varios contos de Dickens para Galaxia e para o seu propio selo e Decamerón, de Giovanni Boccaccio, para a Xunta. De Rinoceronte é salientable a tradución que fixo Eva Almazán da novela negra de Jim Thompson, O asasino que hai en min. E O bosque dos raposos aforcados, de Arto Paasilinna, foi o primeiro título deste selo e tamén un dos máis vendidos. Tomás G. Ahola fixo unha tradución moi divertida do finlandés e conseguiu trasladar ao galego moitas situacións con grande acerto.

Alejandro Tobar é outro dos grandes tradutores ao galego e ten unha grande lista de traducións feitas, entre elas varias das novelas de Arthur Conan Doyle para Vicens Vicens. Ao igual que Moisés Barcia, está tan metido neste mundo que creou o seu propio selo editorial, Hugin e Munin, xunto coa coñecida Isabel Soto. Destacan clásicos como A peste, de Albert Camus, traducido precisamente por Xavier Senín e Isabel Soto; ou O verán sen homes, de Siri Hustvedt, que levou ao galego o propio Tobar e que, precisamente, pouco despois de publicala na nosa lingua a autora obtivo o Premio Princesa de Asturias das Letras. Precisamente, nesa liña feminista tamén está Os homes explícanme cousas, de Rebecca Solnit, traducida por María Fe González Fernández, de Hércules Edicións.

Irmás Cartoné é outra das editoriais que miman as nosas letras. Tanto que é un gusto poder ler en galego A señora Dalloway, de Virginia Woolf, que recibiu o premio da Gala do Libro no 2019 á mellor tradución, feita por Cecilia Recarey, ou O conto da Criada, de Margaret Atwood, traducida tamén por Recarey e Carlos Valdés, entre outras obras onde se lles nota oficio e cariño a partes iguais. O mesmo que a viguesa Catro Ventos, especializada en traducir títulos sobre economía social, dereitos humanos e educación alternativa e ecoloxía, como O libro do clima. Todo o que cómpre saber sobre o cambio climático, de Esther Gonstalla, traducido por Patricia Buxán. Uns traballos, todos eles, que ben merecen o recoñecemento dos lectores porque os que xa gozamos dalgunhas destas fabulosas traducións só podemos dicir, grazas.