Podes ter os cadros de Maruja Mallo nas túas mans

carme d. prol / a. a.

FUGAS

XXX

Publican o primeiro catálogo razoado da artista, que reúne toda a súa obra a óleo

04 jul 2021 . Actualizado ás 10:32 h.

Madrid, Buenos Aires, Nova York. A obra de Maruja Mallo deixou eco alá por onde pasou. Uns pasos que agora podemos seguir coa publicación do seu catálogo razoado de obras ao óleo, un proxecto editado pola Fundación Azcona que pon fin a anos de traballo de varios expertos. «Foi unha pintora de gran importancia, un personaxe crave dentro da Xeración do 27, tanto pictóricamente como a nivel histórico e cultural. Era unha figura a ter en conta». Estes son os motivos que levaron a Sergio Azcona, presidente da fundación, a apoiar o proxecto.

O catálogo publícase pouco despois da última polémica sobre a autoría das obras expostas en Lalín e con el os autores agardan que se resolvan as dúbidas, xa que o equipo que se reuniu é absolutamente extraordinario». Para completar a información sobre os óleos, «excepcionalmente incluímos textos de expertos que falan da súa figura», conta Azcona.

Entre os autores do libro atópase o comisario de varias exposicións de Mallo, Juan Pérez de Ayala, o galerista Guillermo de Osma e Antonio Gómez Conde, sobriño da pintora.

A artista de Viveiro comezou a súa carreira nos anos 20 e rapidamente consolidouse como unha das referentes da vangarda española. Coa súa chegada a Madrid, á Escola de Artes de San Fernando, entra en contacto co grupo da Xeración do 27 e convértese en «unha máis, nalgúns aspectos moito máis avanzada e liberada que os seus compañeiros», expón Pérez de Ayala.

Hai que ter en conta que non era habitual que unha muller nesa época puidese desenvolver a súa carreira artística, é unha excepción que vén dada por «unha familia liberal na que ela e as súas irmás foron mulleres independentes, libres, que estudaron e puideron exercer a súa carreira».

Entre Europa e América

Continuou os seus estudos en París e, despois dun breve regreso a España, no que participou nas Misións Pedagóxicas da Segunda República, exiliouse a Arxentina. Alí proseguiu coa súa carreira, sempre relacionándose con intelectuais e nun ambiente artístico privilexiado, que a levou a expor en importantes galerías de cidades como Nova York, centro das vangardas no momento, e relacionarse con personaxes como Andy Warhol. «Maruja movíase moi ben polo mundo, era unha gran marchante da súa obra e da súa propia persoa», indica Pérez de Ayala. Mallo adoitaba traballar con series de óleos sobre unha mesma temática, «céntrase en mundos particulares e é unha pintora moi cerebral, coñece a historia da pintura e traballa moito a estrutura interna da obra, o que ela chama trazados armónicos. É tamén moi vital». Seguindo esta liña, no catálogo podemos ver series sobre «cloacas e campanarios», a máis surrealista, ou a que ela chamou «relixión do traballo». Esta é a súa primeira serie americana e nela reflicte o traballo no mar e no campo, «influenciada pola corrente americana do muralismo» que practicaban artistas como Diego Rivera, sinala o autor.

Para Miguel Anxo Rodríguez, profesor de Historia da arte da USC, Maruja Mallo é «unha figura recuperada», xa que durante o franquismo o seu impacto no panorama artístico español diminúe, «ela representa moi ben esas figuras que tiñan un nome coñecido pero tiveron unha desvinculación moi grande coa cultura na ditadura». Á súa volta, nos anos 60, regresa ás galerías e o seu nome vólvese a recoñecer e consolidar. Unha recuperación que en Galicia se puxo de manifesto cunha retrospectiva para inaugurar o Centro Galego de Arte Contemporánea, en 1993.

Definida por Dalí como «metade anxo, metade marisco», Maruja Mallo foi unha artista fascinante, cuxa pintura conta a súa propia historia.