Darío, fillo de Xela Arias: «Léndoa sinto que falo con ela, como se me dese consellos»

FUGAS

Óscar Vázquez

Darío Gil Arias tiña 9 anos cando súa nai faleceu. «Recórdoa na cociña facendo torta de mazá, encantábame», lembra emocionado neste ano especial

14 may 2021 . Actualizado ás 15:25 h.

Falando con Darío, o fillo de Xela Arias, descubrimos que a súa nai tiña un sabor doce, a súa lembranza tráelle á memoria unha riquísima torta de mazá que ela lle facía, os cómics de Tintín e os días de parque e de praia. Darío tiña 9 anos cando faleceu, pero garda como un tesouro todos os seus versos, en especial os do libro Darío a diario, que ela lle dedicou. ­

 -Como estás vivindo a celebración da figura da túa nai?

-Moi contento, toda a familia estivemos traballando durante o ano e agora estamos xa na recta final e disfrutando das inauguracións do que está a facer todo o mundo.

­-Cres que se coñecía ben a Xela, era necesaria a súa posta en valor?

-Si, para nós é moi importante porque é preservar o seu legado, os recordos, porque desde que morreu pasou o tempo sen obra publicada e este recoñecemento está moi ben para que todos coñezan a súa obra e todas as súas facetas.

 -Como era túa nai?

 -Os meus recordos son de viaxes, do ocio cotián, dunha relación moi estable, moi tranquila, sen golpe de autoridade, nun equilibrio entre o que ten que ser un referente como é unha nai, pero tamén dando liberdade.

-Era afectuosa, bicábate moito?

-Si, si. Era moi familiar, a maioría da familia vivimos en Vigo e todos nós gozabamos do ambiente coa avoa, os tíos... e logo cando chegaron os meus primos pequenos..., sempre houbo un recordo moi cálido.

-Se pensas nela na casa, onde a ves?

-As últimas imaxes que teño dela é cociñando, deulle por aprender a cociñar máis, véxoa na cociña, con moito doce, moito postre.

-O seu sabor é doce, facía biscoitos?

-Recordo unha torta de mazá, eu era pequeno pero encantábanme, de hojaldre...

-Ti tiñas 9 anos cando Xela falece, nesa parte reconstruída da súa figura, que estás a descubrir agora?

-Que era moi inquieta, as compañeiras da Universidade contan que lle tiña moito aprecio ao coche, non como obxecto, senón o que significaba para ter esa liberdade de moverse: ir a Portugal, percorrer toda Galicia...

-Tes esa herdanza particular, íntima e persoal que é o seu libro «Darío a diario», escrito para ti. Que versos te emocionan máis del?

-«Non te posúo nin quero». Para min só con iso se resume o poemario e, por extensión, a visión de miña nai: tendo unha posición dominante, como é a de ser nai dun rapaz, xorde nela ese xesto de xenerosidade de inmolación. A tradición é estar moi encima dos fillos e ela aposta por dar esa liberdade, ese é o maior legado.

-Ela ensinouche eses versos, líache?

-Non, non. Ela tampouco era nin de presumir nin de ensinar nin de andar coa súa obra na man. Ela traballaba, publicaba, pero ata as compañeiras da facultade souberon que era escritora tempo despois de coñecela. Ela quería pasar desapercibida.

-Xela aprendeuche a ler con algún libro?

-Eu lía moito con ela, os cómics de Tintín debín lelos de arriba abaixo varias veces.

-Algunha vez a túa avoa diche iso de «es igual que a túa nai»?

-[Ri] Si, eu son o primo maior e miña nai era tamén a irmá maior, entón miña avoa sempre recorda que miña nai estaba amais dos irmáns, era moi responsable; e a miña avoa tiña que dicirlle que os deixase xogar e que se despreocupase. Ese paralelismo é o mesmo comigo e os meus primos. De nenos era semellante.

-No carácter, es máis de teu pai ou de túa nai?

-Son unha mestura, o que pasa que non se sabe se collín o bo ou o malo [ri].

-Que herdas deles?

-A docencia, os dous foron profesores, e eu, aínda que fixen Economía, estou dando clases no instituto. Non me aventurei á escritura.

-Esa influencia cultural de teu pai, túa nai, o teu avó... Como a percibes como neno?

-Tiveron a habilidade de compaxinar a vida dun neno normal, de levarme ao parque a xogar ao fútbol e ir á praia co ocio cultural, que nunca rexeitei: ir a contacontos, recitais, teatro... Sempre estiven ligado a iso e consumo moitísima lectura, gústame. Sen ser unha imposición, foron capaces de crear en min ese espazo.

-O legado da lingua foiche dado de seu.

-Si, fun criado en galego, e como outros moitos, acabei falando e socializando en castelán en Vigo, pero cando tiven conciencia puiden aplicalo con criterio propio e entender a importancia de falalo. Tiven a sorte de revertelo grazas á familia.

-Xela foi criada no multilingüismo. Ti?

-Eu tiven a oportunidade de aprender inglés nunha estadía no Reino Unido e intento achegarme todo o que podo ao portugués. Eu quero reivindicar tamén a súa faceta de tradutora, non xa por ela, senón por todo o sector neste Día das Letras. Poder consumir clásicos en galego, ou todo o que foi o Xabarín para os nenos e que agora non poidan ter acceso a ese ocio en galego hai que reivindicalo.

-A túa nai dixo que quería ser Lou Reed en feminino. Case nada!

-Si, ela viuse máis reflectida no rock do momento que na poesía que se estaba facendo, tirou cara a ese tipo de música e a min iso tamén me quedou.

-Escoitabas esa música na casa?

-Si, claro, e tamén fun con ela a algún concerto de Amparanoia e de Manu Chao. Ela entendía a música como fonte de inspiración, e sempre tivo con ela unha relación intensa. E eu, por estar ao seu carón, tamén.

-Que botas máis de menos da túa nai?

-Pois... Uf! Grazas a Darío a diario, incluso agora, volvendo a el, ás veces sinto que falo con ela, como se me dese consellos. Boto de menos eses consellos que me podería dar noutros ámbitos, tendo en conta todo o que puiden sacar dese libro, pois entendo que con ela sería moito máis.

-Neses versos sentes a túa nai?

-Si, pásame con outros poemas, pero sobre todo con ese libro.