Garza, electrónica ambiental cunha profunda carga emotiva

FUGAS

cedida

07 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Que a abstracción pode carrexar unha profunda carga emotiva encargáronse de demostralo os pintores expresionistas. Trasladado ao ámbito musical, unha sensación parecida procuraban os pioneiros do rock progresivo e, atemperada en certo sosego, tamén os do rock sinfónico. E esas son as fontes primixenias nas que bebe Adrián Charlín para trazar as paisaxes sonoras que debuxa baixo a rúbrica de Garza, o seu proxecto en solitario, co que vén de editar un primeiro e moi estimulante epé, Alborada (Ferror Records).

Mais sería imperdoable circunscribir a proposta musical de Garza a esas orixes. Ao contrario, intúense pero deseguido deixan paso a unha oportuna e suxestiva actualización baseada na electrónica.

Aínda que hai unha evidente coherencia e certa unidade estilística, os seis temas que compoñen Alborada transitan por camiños diversos. Ou debuxan perspectivas sonoras moi diferentes dunha mesma paisaxe, por seguir co símil pictórico.

Unha paisaxe que asoma entre brumas e ensoñacións, na que se adiviña o mar e na que as luces e as sombras xogan a confundirse. «É difícil dicir que un disco instrumental fala disto ou disto outro», replica o músico da Illa de Arousa. Mais non é de todo certo. Os seis cortes de Alborada converten en emocións perfectamente recoñecibles esas paisaxes trazadas con pinceladas de ambient, trip-hop, drone e progresivo. Este último, especialmente presente en Cravos, un lóstrego de escura melancolía no que incorpora a súa letra e a súa voz Manuel Seixas.

«Abro as fiestras, mai, queres ouvir o coro da alborada?» entoa Xackal en Galician Frecuencies, no outro tema cantado do disco, entre capas e capas de evocadoras atmosferas e unha hipnótica percusión.

Aínda que o título pode levar a certo engano, nada ten que ver este Alborada con esa corrente que propicia o encontro entre a electrónica e a música de raíz. Se algunha raíz reivindica este disco son as propias da electrónica. O pouso que deixaron no Adrián Charlín mozo as escoitas dos discos de Vangelis ou Jean Michel Jarre converteuse en fértil caldo de cultivo no que agroma agora este ramallo de inquietudes transmutadas en sedutoras texturas e cadenciosas frecuencias. «O de alborada ten que ver co amencer, con esa primeira luz do día, que, dalgún xeito, representa a miña infancia», explica Adrián Charlín, quen entregará a recadación das vendas do disco á ONG Open Arms.