«Pardo Bazán sabía que non era guapa, pero sacábase partido»

FUGAS

Sandra Alonso

O libro de Branca Rodríguez «Emilia Pardo Bazán e a moda» reflexa o seu amplo coñecemento das tendencias da época: «Foi unha defensora da saia pantalón que comezou a usarse en 1911»

06 may 2021 . Actualizado ás 20:04 h.

Branca Rodríguez Garabatos (Santiago, 1973) describe no seu libro Emilia Pardo Bazán e a moda con exhaustiva minuciosidade como foi a relación da escritora galega coas tendencias da Belle Époque. O seu profundo coñecemento queda reflectido na súa obra, na que as mulleres se visten de acordo coas súas forma de ser, como Fe Neira, que lonxe de caer rendida ante o luxo dos traxes, abandónase na comodidade da saia pantalón porque a ela só lle interesan os libros. «Pardo Bazán sabe de primeira man que están ofrecendo os deseñadores de París e copia os modelos», explica Branca, que dá boa conta diso nas cartas que Emilia se escribe co seu comadre, Carmen Miranda.

­-Era Pardo Bazán unha «influencer»?

-Eu non diría iso, pero si que era unha persoa con gusto e con criterio. Como era unha muller moi viaxada tiña acceso a ver as modas de París. Nesas cartas de Emilia coa súa amiga vese que a aconsella porque ten un coñecemento da moda máis profundo que outras mulleres. O seu criterio valorábase: estaba ao tanto das tendencias, as cores que levaban, os que lle podían sentar mellor á súa amiga por ser loura... A moda gustáballe.

­-Nas cartas ela mesmo debuxa detalladamente ata cortes de abrigos, peiteados...

-Si, é moi curioso que á súa amiga non só lle describe unha chaqueta que ve a unha muller no Louvre, senón que lla debuxa. Nestes debuxos recoñécense os pescozos Medici dos abrigos ou a forma da chaqueta ou os tipos de escote... Non é só anecdótico, demostra que ese interese tamén o quere ilustrar.

­­-Ela é unha adiantada, coñece aos modistos de primeira man?

-Ela nas exposicións universais puido admirar as obras dos modistos da época. Worth non lle gustaba especialmente, e dio nas súas crónicas da exposición de París, pero si lle gustaban moito as irmás Boue, ás que lles chamaban as golondrinas do encaixe, elas empezaron a facer vestidos a base de encaixe e Emilia quedaba admirada. Eu non se se coñeceu persoalmente a Paquin, pero sabía quen era. Ela dános moitas pistas da moda da belle epoque, sen dúbida non falaba de nada do que non tivese un coñecemento moi demostrado.

-Como definirías o seu estilo? Foi unha muller sofisticada? Moi clásica?

-Ela era unha muller moi consciente do seu físico, sabía perfectamente, e de feito dillo a Galdós nas súas cartas, que ela non é unha muller fermosa nin ten un físico agraciado. Pero como é moi intelixente, sabe sacarse moito partido. Ela non segue as modas que non lle favorecen. Nalgunhas das súas cartas fala, por exemplo, de mulleres que adoptan unha nova moda coa saia moi baleirada e que parecen peonzas. Ela, sen dúbida, non se vai a pór iso, porque o seu físico xa é demasiado avultado como para avultalo máis. En cambio, os peiteados que aumentan a estatura adóptaos ata o final da súa vida, entende que a estilizan. Ela adapta a moda ao seu físico. Trata de favorecerse e non desligarse da moda; séguea, pero non é unha escrava do fashionismo, utilízaa no seu propio beneficio.

-Cal era a súa peza favorita?

-Ela adoraba as mantillas, os abanos, tiña unha colección inmensa. Tamén era unha gran amante das antucas e os chapeus, que lle gustaba regalar.

-Chapeus que se encargaban, non se compraban feitos.

-Claro. Facíanos sombrereras da Coruña ou Madrid. A ela gustábanlle moito os complementos. Para Pardo Bazán era moi importante ir ben combinada, ben vestida. En Barcelona ela acode a un acto coa raíña Victoria , ao que todo o mundo vai ben vestido para a ocasión, con todo ela presentar cun traxe de cerimonia, un pouco excesiva e ao verse así se volve ao hotel a cambiarse. Para ela era importante ir adecuada, non desentonar.

-Pero a moda non é unha cuestión frívola para as mulleres como ela.

-Non, nas súas obras retrata o carácter das mulleres a través da súa forma de vestir. Por exemplo, Fe Neira vístese con saias pantalón, zapatos planos, leva o pelo curto, con cores sobrias; outras mulleres, mesmo do campo, son capaces do que sexa por levar un pano vermello de seda, que era o luxo das campesiñas. Pare ela a moda é moi importante porque reflicte a sociedade do momento e as ansias e as ambicións das mulleres: o coidado dunha mesma. Fala das mulleres inglesas, emancipadas, que van cómodas, que practican deportes, para ela a moda é un síntoma do cambio social.

-En 1911 chegan as primeiras saias pantalón, defendeunas?

-Si, criticou aos que se escandalizaban tanto polo uso da saia pantalón porque non lle parecía tan escandalosa nin indecorosa. Esta peza reflectía unha evolución da muller máis aló do mero vestir e ese transfondo era o que non gustaba: que as mulleres non estivesen prisioneiras de lucir e ser un obxecto decorativo. A saia pantalón era un símbolo de liberdade. Ela deféndeo e chega a dicir que para vestir ás mulleres debía de haber un areópago de mulleres para que se decidise que era hixiénico e o que non, o conveniente e o que non. Porque ás veces os homes deseñan cousas absurdas e as que realmente sabían eran as señoras. Ela avoga por que na toma de decisións participen as mulleres.

-Quen a vestía na Coruña?

-Ela tiña varias modistas, unhas eran as Virtudes, as que lle facían a roupa interior. Outra modista era Elisa, que lle arranxaba a roupa máis cotiá e tiña unha sombrerera. Tamén tiña modistas en Madrid e en Irún, que se chamaba Madame Leselleur.

-Tiña roupa de modistos?

-Nas súas cartas non se reflicte, eu creo que era bastante aforradora e, aínda que tiña fortuna, non malgastaba. Juan Valera dicía que con todos os dereitos de autor que cobrara por Pepita Jiménez el non lle podía comprar á súa muller un vestido de Worth, entón, claro, Pardo Bazán que constrúe as torres da Quimera, no pazo, eu creo que preferiu investir os seus dereitos de autoría noutras moitas cousas como esa, ou no mobiliario, porque tamén lle gustaban as antigüidades, as xoias... Tiña catro fillos, gustáballe viaxar... Imaxino que se permitiría algún capricho, pero non habitualmente.

-Como nos vería hoxe vestidas? Faríanos un traxe?

-Supoño que non se cortaría en opinar porque ela era unha muller moi franca nas súas ideas, gustáballe o decoro. Cando fala de Madame Gautraux e o seu vestido negro axustado e sen mangas contáballe á súa amiga que cando se inclinaba víase todo un espectáculo. Así que había modas que lle parecían horribles ou cores deplorables, e outras cousas encantaríanlle. Pero estou segura de que daría a súa opinión abertamente.

-Reflexa nalgún momento o gusto coruñés?

-Si, fala das marinedinas e de cando acoden ao teatro na Coruña están nos palcos parecen flores, porque se visten moi ben e no Modernismo púñanse moitas flores, ou de tea ou de verdade, nos seus vestidos. Ela recolle a moda do momento. E da moda en Ourense, cando fala de Carmiña Aldao, crese que os pazos de Ulloa están en Ourense e ela coñecía ben a contorna e o estilo de alí.

-Onde están todos os traxes de Emilia Pardo Bazán?

-Non o sei, é algo que tamén me pregunto. Algúns dos seus abanos están no Museo de Belas Artes da Coruña, pero imaxino que se haberán espallado entre os seus herdeiros. Na Real Academia Galega hai un vestido dela, que estivo exposto no Gaiás, e creo que, igual que as súas cartas, os seus vestidos están en mans de particulares. Algún día sairán á luz. É unha mágoa porque nos daría unha idea máis aproximada de como era ela.