Guadi Galego en directo, un lindo e concluínte berro á vida

FUGAS

Carlos Abal

A pasada fin de semana, comezou a xira de «Costuras»

30 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A Costuras.rrancou Guadi Galego a pasada fin de semana a xira de , o seu último disco. No auditorio de Galicia e no Teatro Colón. Grazas, e así o dixo, aos apoios institucionais. O sensentido da dimensión das restricións para cos eventos culturais imposibilita na práctica calquera iniciativa privada. Máxime se ten a dimensión humana e escénica do impoñente espectáculo que agora coloca amais do palco a artista de Cedeira.

Podía Guadi Galego terse conformado con utilizar os patróns de sempre. Sabedora como é de que con eles nunca hai fallo. De que todo vai encaixar. Cada vértice, cada curva, cada borde, cada ribete... De que o traxe quedaría correcto.

Mais non é Guadi das que se quedan deste lado da cancela, no que pasta, manso, o rabaño. O seu, xa o cantou, é mudar fronteiras por pontes e trazar novos mapas. Tamén novos patróns. Así que colleu o xiz azul e comezou a proxectar liñas sobre os panos. Sen ter a certeza de se os largos coincidirían, se as sisas tirarían de máis, se as cores combinarían ou se os remates aguantarían a tensión das puntadas. Podía ter pasado, claro que si, que a fartura, e mesmo a cordura, escoase polas costuras. Mais non foi así. E o resultado non é que sexa correcto, é sublime. Deses que lle fan a un sentir orgullo de país.

Non era difícil intuír a potencialidade que levadas ao directo albergaban as cancións de Costuras. Pero Guadi Galego situounas nunha dimensión imposible de imaxinar, exemplificada no in crescendo de intensidade infinita co que rematan Zocos e Cedeira. Cun deseño de escena como poucas veces se ten visto en Galicia. E cunha arquitectura musical abraiante. Cos graves oprimindo as emocións contra o peito. Coa rotundidade nas guitarras dun Guillerme Fernández máis presente que nunca. Cunha atmosfera de texturas electrónicas que, como o mar de fondo, o remove todo. E cunha Guadi feliz e expansiva que mesmo se anima a botar uns bailes.

E alí, sentado na miña butaca, cos dous metros de baleiro imposto ao meu a redor, dino todo, saín da sombra, cosín o núcleo, virei o vento, vivín por morte e, o máis fermoso, berrei a vida!