ALE reivindica en «Flores e fobias» o pop-rock de raíces atlánticas

FUGAS

x

O artista explora novos territorios e sons

30 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

E l pop-rock, ese termo que de tan manido acabara por perder o seu sentido, reivindícase en toda a súa concepción e con toda intensidade en Flores e fobias, o primeiro traballo discográfico de ALE.

Tiña claro Alexandro González que, tras a súa frutífera etapa nas Árbores, debía explorar novos territorios e atopar novos camiños. Novos sons, novas inquietudes e mesmo novas raíces. E mirou cara ao que máis preto tiña: cara ao océano. E cara ao que máis dentro levaba: o seu pasado. E da fértil fusión dun e outro naceron estas cancións, verdadeiramente inspiradas e inspiradoras, que toman como referencia a rotunda e arrebatadora sonoridade do rock arxentino -«gústame que nelas se recoñeza a Andrés Calamaro ou Fito Páez», di-, xunto á refrescante liviandad do mellor pop español e as aveludadas e elegantes cadencias o-fi do soul e o R&B.

O disco, truncado polo confinamento, foi gravado en dúas etapas. E, dalgún modo, esas dúas visións, eses dous momentos quedaron reflectidos nas cancións. Hainas de corte intimista, con medios tempos suaves e cun certo desasosego. Poderían ser as fobias. E hainas luminosas, expansivas, cuns medios tempos máis dinámicos e un certo halo de optimismo. Poderían ser as flores.

As súas letras transitan entre labirintos emocionais que teñen moito de autobiográfico. «Aproveitei para botar fose moitas desas cousas que levaba dentro e que me molestaban. Pero intentei facelo desde un punto de vista irónico e ata case divertido», apunta o músico.

Desde un punto de vista formal, ALE recuperou a súa propia esencia, compondo co piano e salientando as melodías. Conseguiu que as cancións sexan atrevidas e doces, á vez. Recoñecibles e, ao tempo, innegablemente propias. «Teño realmente a sensación de ter atopado o camiño, de ter dado co son que eu buscaba para este proxecto».