Un ano sen Luz

FUGAS

canicoba

O 20 de abril do 2020 apagouse a vida da decana das nosas letras, unha poeta que escondeu as primeiras lecturas debaixo da cama e que se despediu cunha homenaxe á nai

20 abr 2021 . Actualizado ás 16:18 h.

Hai un ano a voz de Luz Pozo Garza apagábase. O confinamento impedía renderlle as honras que merecía a decana das nosas letras, despois dunha vida dedicada á palabra e, moi especialmente, á poesía. Nacera en 1922 en Ribadeo no seo dunha familia culta que vai apostar pola formación da pequena. Con tres anos xa sabía ler e con cinco solfexo. Súa nai era profesora de idiomas e o pai inspector veterinario, algunhas noites recitaban de memoria poemas de Rosalía e tamén de Curros. Nos seus despachos a cativa procuraba lecturas e escondíaas debaixo da roupa da cama para cando se deitaban os maiores prender a luz e continuar lendo. Aquela nena que andaba en patinete e vestía de mariñeira comezaba xa a escribir contos en verso.

 Os felices anos en Ribadeo e en Viveiro víronse truncados co levantamento militar que levaría a seu pai á prisión de Lugo polas ideas republicanas. Naqueles meses privado de liberdade, a familia instálase na cidade para estar preto del, nunha fonda no mesmo edificio en que vivía Luís Pimentel, quen será referente poético da autora. Cando sae da cadea marchan a Marrocos, excepto o único irmán que é obrigado a ir á fronte no bando sublevado. Aquel día, Luz vai na súa bicicleta a despedilo á estación sen saber que non o volvería ver.

Amor e poesía eterna

Regresar a Viveiro foi duro. Con todo, continúa os seus estudos, casa co seu profesor, Francisco Vázquez Ramudo, e axiña é nai, unha faceta que a enche de alegría. Ao tempo comeza a colaborar en publicacións como o xornal vespertino A Noite. É alí onde a le Eduardo Moreiras e decide escribirlle unha carta para que participe nun libro colectivo. Era 1946 e aquelas misivas van desencadear un amor epistolar, o único posible ao estaren ambos casados.

Amais dunha gran formación musical e artística, Luz estuda Filoloxía Románica e imparte clases en distintos institutos coruñeses, de Vigo e Nigrán. Xa na democracia, na cidade olívica culmina o seu amor con Eduardo e, grazas á lei do divorcio, conseguen casar para vivir máis dunha década un amor que superou todas as barreiras. Estes anos xunto ao poeta van ser moi produtivos e dará ao prelo Concerto de outono ou Códice Calixtino. Con anterioridade xa publicara Ou paxaro na boca, en Xistral, motivada por Manuel María, que lle insistía en que Galicia necesitaba da súa poesía. Naquel tempo as mulleres non podían dirixir unha publicación e Luz Pozo facíao en Nordés xunto a Tomás Barros, aínda que figurase como subdirectora. Nos anos oitenta, xa na segunda etapa da revista, farao en solitario.

A morte de Eduardo chega repentina en 1991 para poñer cabo a unha relación avivada durante tres décadas a través da palabra escrita. Luz regresa á Coruña e vive soa por expreso desexo, gozando do seu tempo e da súa liberdade. Pinta, escribe, toca o piano, dialoga coas novas xeracións de poetas... Da perda do amado e da crenza do amor máis alá da morte nacen os versos de Prometo a flor de loto. Son anos en que se intensifica o seu labor ensaístico, entra na Real Academia Galega da man de Rosalía e escribe ata dar ao prelo o derradeiro poemario, Pazo de Tor, no 2018. Con noventa e seis anos volve á infancia, nunha homenaxe á nai, a muller que tanto a marcou.

Os seus versos escintilan. A súa é unha poética profunda, intelixente, onde se dan cita os grandes temas, unha poesía eterna, como eterna é a beleza e Luz. «Esta é terra sagrada do meu pobo -pensei-/ a patria do milagre/ E fiquei nela para sempre».