Xela Arias en primeira persoa

Ramón Nicolás FOXES

FUGAS

Retrato de Xela Arias
Retrato de Xela Arias Xulio Gil

16 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Albergaba a convicción de que as achegas biográficas ou divulgativas que se nucleasen por volta de Xela Arias, protagonista do vindeiro Día das Letras Galegas, non ían defraudar. Así vén sendo no que di respecto das que ata agora viron a luz e nese ronsel sitúase De certo, a vida ía en serio: título que reivindica uns versos da autora que continuaban «Por iso morrer non conta / números» e que xa cobraron, no tempo do seu temperán falecemento, unha nova significación e nestes meses, quen o dubida, tamén.

Editado con exquisitez por Chan da Pólvora, é a profesora María Xesús Nogueira quen nos ofrece unha documentada e sólida ollada, se se quere oblicua, sobre Xela Arias. É así, á mantenta, como se constrúe un libro no cal a escritora homenaxeada é quen se expresa en primeira persoa, tanto a través dunha escolla -atinada, ao meu ver- que escolma composicións poéticas que van de Denuncia do equilibro ata Intempériome, pasando por Darío a diario Tigres coma cabalos, como grazas a unha sección inicial, disposta baixo a denominación de «As (auto)rreferencias», que compila un feixe de textos -fragmentos de entrevistas, conferencias ou autopoéticas- que axudan a perfilar o universo literario da autora, isto é, propostas moi valiosas para entender os alicerces da súa estética creativa, a súa perspectiva sobre a nosa lingua e outros aspectos de orde máis estritamente persoal.

O libro complétase coa sección «As contornas», onde se sintetizan, en poucas e rigorosas páxinas, aquelas claves vitais e literarias máis salientables de Xela Arias. Todo por xunto, isto é, declaracións e poemas e o seu percorrido biográfico a cargo da profesora María Xesús Nogueira, fan deste un volume imprescindible.