Ela é a xoia da coroa na tempada de premios

FUGAS

Emerald Fennell, a Camilla Parker de «The Crown»,  consagrouse este ano coa súa primeira película como directora

12 abr 2021 . Actualizado ás 16:23 h.

A moitos lles colleu por sorpresa na gala dos Globos de Ouro descubrir a unha moza loura entre as nomeadas a mellor guionista e directora cuxo rostro se lles facía coñecido. Porque para a maior parte do público, Emerald Fennell é a Camilla Parker de The Crown , protagonista de escenas xa emblemáticas como esa impagable comida cunha novísima Diana de Gales. Pero esta londiniense de 35 anos non só é actriz: consagrouse este ano coa súa primeira película como directora: nomeada ao Óscar á mellor dirección, guion e película, ademais de mellor actriz protagonista para Carey Mulligan, a cinta Unha moza prometedora coouse nos principais premios da industria en Hollywood e no Reino Unido. Aínda que, curiosamente, Fennell non foi nomeada a mellor dirección nos Bafta que se entregarán este domingo en Londres , nin tampouco Mulligan, a cinta pode levar seis premios na gala que se celebrará no Royal Albert Hall. Entre eles o de mellor película, mellor película británica e mellor guion para Fennell.

Asasinas e libros para nenos

A carreira de Emerald Fennell é pouco convencional. Cando rodaba Albert Nobbs, a película protagonizada por Glenn Close, coincidiu coa tamén actriz e guionista Phoebe Waller-Bridge. Amigas desde entón, Waller-Bridge (un dos referentes actuais da televisión grazas a series como Fleabag) invitouna a sumarse ao equipo de guionistas para a (estupenda) segunda tempada da serie Killing Eve, da que se converteu tamén en produtora e que lle achegou os seus primeiros nomeamentos importantes. Antes fora unha das enfermeiras de Chama á comadrona durante varias tempadas, e participou en películas como Ana Karenina, A moza danesa ou Vita e Virginia. E entre guións e rodaxes, tivo tempo a publicar dous libros para adolescentes (a saga Shiverton Hall) e unha historia de terror para adultos, Monsters.

Máis aló da oportunidade do debate que abre a súa primeira película, di Fennell que esta é unha historia que levaba anos rumiando, e que quería que fose entretida, que a xente queira ir ao cine a vela. Unha mestura de xéneros que ela mesma define como comedia romántica, thriller de vinganza e película de terror. A historia dunha muller cuxo futuro prometedor queda truncado e decide inventarse unha segunda vida na que se dedicará a dar leccións a todos aqueles homes que se aproveitan de mulleres bebidas.

Fennell non para: está inmersa en proxectos importantes, escribindo o guion de Zatana , a superheroína e maga dos cómics de DC, e en maio estrearase no West End londiniense o musical Cincenta, do lendario Andrew Lloyd Weber, e cuxo libreto é obra de Fennell.