Fiel e honesto retrato biográfico

Ramón Nicolás

FUGAS

MARCOS MÍGUEZ

09 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Á hora de compor unha biografía precísase cultivar a honestidade, cando menos a intelectual, isto é, esa que se verifica co manexo de documentos, con traballo de campo e cun esforzo de ordenación do material obtido antes de interpretalo para, por fin, redactalo con acerto. De todo isto revístese este traballo que subscribe a escritora Yolanda Castaño, que, desde o seu título, encerra en esencia o espírito dominante desde o que parte e que, para min, encerra un valor raro por infrecuente como é o de ofrecer a posibilidade de visualizar e sentir próxima a figura obxecto de coidadosa análise e interpretación, grazas talvez a asumir ese preciso distanciamento coa persoa biografada. E aínda cun mérito engadido como é que o texto está dirixido, en principio, a unha franxa lectora para un público novo mais que se le con fluidez e interese alén de fronteiras marcadas pola idade.

Adoptar esa perspectiva narrativa en terceira persoa outórgalle a tonalidade exacta a un discurso que nos guía con intelixencia e efectividade por todo aquilo que representa a obra literaria de Xela Arias e polos distintos estratos que compuxeron a súa vida, isto é, o familiar -con interesantes achegas que afectan a ese tempo previo á súa chegada ao mundo e que, particularmente, creo que son novidosas-, o referido aos anos de formación persoal en Ortoá, mais tamén a avidez lectora e a preparación académica ata o seu traballo en Edicións Xerais e o universo persoal do que se rodeou, sen esquecer a súa dedicación docente nos seus últimos anos nin as causas nas que militou. En todos estes pasos, que son os dunha vida, latexa ese deseño -fiel e vivísimo- de Xela Arias que testemuña como, en efecto, sempre quixo ser ela. E conseguiuno.