Os Cazalet, unha xoia literaria que xa brilla en serie

FUGAS

Benvidos ao Londres de entreguerras, a Home Place, a un pasado radiante na súa decadencia que nos fai rir, chorar, bailar, namorarnos e caer como estes seres doutro tempo

03 abr 2021 . Actualizado ás 22:00 h.

Aquí téñenos, fóra de serie, cunha lixeireza, unha elegancia, un léxico e un sex appeal que se recrean (cun cambio na luz e a cor, e na melodía, en cada episodio) en pantalla. Aquí pasa todo coma se nada. Londres 1937-1947. É o Londres dos Cazalet, dispostos a competir en streaming con outras belezas para volver sobre un pasado radiante na súa decadencia desde o ollo dun tempo fatigado de si mesmo, como Os Durrell ou Todas as criaturas grandes e pequenas. Con rostros familiares como Hugh Bonneville (Downton Abbey), Lesley Manville (Harlots) e Stephen Dillane (Xogo de tronos), chega a Filmin (20 anos despois da súa estrea na BBC) a pentalogía mestra que Elizabeth Jane Howard (1923-2014) escribiu medio século despois da época que atrapa, e encumbra.

Benvidos a Home Place, ás plácidas tardes estivais dun casoplón de Sussex no período de entreguerras. Cando Hitler e Mussolini empezan a selar a súa alianza, neste fogar acomodado sobre o status que lle deu o negocio da madeira, ocúpannos unha chea de faragullas cotiás: infidelidades emboscadas en «comidas de negocios», relacións prohibidas, partos, simulacros de aborto, pícnics, a lucidez de Clary, abusos, a fenda insalvable entre mulleres e homes, entre os nenos e o mundo adulto.

Benvidos aos últimos anos felices de Inglaterra, a esa melodía vital que de súpeto rompe a guerra, que parecía que nunca ía ocorrer. É un luxo verlles falar, rir, deitarse, comer, falar, caer. Os Cazalet non fallan, gañan precisión en pantalla.