Ser normal e da USC

Mercedes Corbillón FUGAS

FUGAS

22 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Soy do club da nai de Jeanette Winterson cando lle dixo aquilo de para que ser feliz cando podes ser normal. Bo, non é que crea que haxa que pór limitacións ás tendencias sexuais de ninguén, que por aí ía a frase da boa señora cando o seu filla adolescente lle confesou que lle gustaban as mulleres.

A felicidade está sobrevalorada, pero a tranquilidade é un ben a perseguir. Eu son tranquila por natureza, xa pode estar a se derrubar o mundo que a min me pode pillar no baño ou namorándome, que ás veces é o mesmo. Tamén podo estar ensimesmada, mirando o horizonte ou colgada dunha metáfora, un recordo, unha ilusión e encollerme de ombros mentres os cascallos pasan ao meu lado. Míroos indiferente coma se vise caer follas dunha árbore no outono.

O outro día algo perturbou o meu sangue morto, que diría a nai da narradora de Bandullo de burro, e saíu o escorpión que levo dentro. Son buenísima facendo dano, case nunca o fago, pero se sucede son implacable, derrámase o sangue como nunha peli de Tarantino. Incluso a miña. A hemorraxia foi tan forte que despois do levantamento de cadáveres sentín a inquedanza movéndose como unha culebra polas miñas tripas, tanta que busquei unha pastillita para ser feliz do alixo que lle roubei á miña avoa cando morreu, alá polo ano 2008. O Tranxilium debía de estar caducado porque eran as seis da mañá e eu seguía no sofá dando voltas como o demo de Tasmania e pensando en que nin sequera as drogas están cando as necesitas.

O que nunca falla son as amigas. Alertadas por un wasap de desesperada madrugada empezáronme a chamar unha tras outra. O consello da primeira contradicíao o da segunda e a opinión da terceira anulaba a dos anteriores, e así todo o intre, pero que sorte entender e ser entendida, que dicía Catulo. Bo, iso dino os personaxes das series que sempre son amigos desde que estudaron xuntos en Harvard, a saber o que dicía o poeta veronés, nós somos da USC.