Renovación radical

Ramón Nicolás

FUGAS

cedida

«A desvértebra», de Ana Romaní, cuestiona a esencia do establecido e ou inmutable

15 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Desvertebrar, nunha das súas acepcións, significa desfacer a estrutura interna que lle outorga solidez ou estabilidade a algo. Gústame pensar que A desvértebra, ese neoloxismo que Ana Romaní vai pór no foco de atención ao situalo á fronte do seu último libro, camiña por estes eidos, isto é, polos de se cuestionar a esencia do establecido e do inmutable e, talvez por iso, dialogue cos conceptos do quebranto e do disruptivo ao encarnar en si mesmo unha dimensión de renovación radical. Neste libro alenta unha semántica que agroma, talvez, da negación da vértebra, isto é, fálasenos en aparencia desde a instancia do que xa non é quen de soster nada, da inmediatez do colapso ou do baleiro que queda cando se extrae e se quere facer desaparecer o que antes era vital.

Nun territorio construído por catro seccións -o «urdido», a «carne», o «xiro» e mais os «fíos»- conxúganse distintas voces para propiciar unha perspectiva crítica, en ocasións marcadamente irónica e desacougante que articula de seu unha proposta orgánica, case vexetal: un ser vivo operativo para contemplar e activarse diante dun proceso que é o da demolición da propia liberdade e o da destrución do corpo, sen esquecer cal é o peso das ausencias e da dor.

Nun dos poemas que precede á primeira das partes -«terma»- ofrécense algunhas claves posibles para interpretalo: nel fálase de «memoria» -tamén daquela «que esquece»-, do «corpo» e da «dimensión da obediencia sometida / ao urdido». E é na sección «urdido» onde nos batemos cos ecos da persecución e da usurpación, da extenuación como pobo ou da mentira e do silencio cómplice como bandeiras, a carón do que se agocha tras a orde patriarcal, tras o asedio ou tras a manipulación da linguaxe para asomarnos, despois, á irreversibilidade da doenza que conduce á nada e á morte, ás «columnas quebradas» abrazadas a un fío conclusivo que anoa unha proposta perdurable.