A «Odisea» da emigración galega

FUGAS

Sandra Alonso

A nova produción do CDG, «O charco de Ulises», é unha versión libre do clásico de Homero, dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, que pode verse ata o día 31 en Compostela

14 ene 2021 . Actualizado ás 18:58 h.

Ulises é un emigrante galego. Non viaxa polo Mediterráneo, senón polo Atlántico. Non vai a Troia senón a Bos Aires. Escoita ás voces das serea, pero tamén baila tango. E Ítaca é Galicia. A nova produción do Centro Dramático Galego (CDG), O charco de Ulises, recrea sobre as táboas do Salón Teatro en Santiago o clásico grego ata o 31 de xaneiro, converténdoo nun relato desde a perspectiva da emigración galega. Unha decena de intérpretes convértense en Telémaco, Néstor, Helena, Circe, Menelao, Calipso, Pisístrato, Eurícolo, Penélope e Ulises nesta peza teatral escrita por Santiago Cortegoso, que agora tamén se encarga de dirixila xunto a Marián Bañobre.

«Non sei se O charco de Ulises é unha versión da Odisea ou se é un texto orixinal que se inspira na Odisea, dá igual como o cualifiquemos. En todo caso, Ulises é un señor que tardou dez anos en regresar a casa porque o castigaron os deuses. Nesa viaxe coñeceu fermosas ninfas, territorios que non coñecía, culturas alleas... E este Ulises tamén é un emigrante, que marchou a Bos Aires fuxindo da pobreza e atopou un universo que non coñecía, un ser humano que viaxa. Precisamente, ese é tema central de O charco de Ulises, a viaxe como concepto vital do ser humano», explica Cortegoso, que escribiu o texto hai unha década a través do programa Iberescena. Agora adaptouno con Marián Bañobre para ser representado despois de recibir a chamada do director do CDG, Fran Núñez, coa proposta de abordar un clásico desde unha perspectiva contemporánea.

Sandra Alonso

«Temos un espectáculo con moitas sorpresas, con moito movemento, con moitas partes corais, nas que o tango, pero tamén as nosas raíces, a Galicia mariñeira, están representados. É un espectáculo cheo de retos, para nós e para o elenco. Entón, desexamos que chegue e emocione ao espectador igual ca nós», incide Marián Bañobre. O elenco artístico está formado por Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Fran Paredes, Chusa Pérez de Vallejo, Inés Salvado Gontad e Paulo Serantes. Non só se encargan de interpretar e de bailar -os ensaios incluíron un profesor de tango-, senón tamén de ir variando a composición escénica en todo momento. Ademais, conta con música en directo a cargo de Xosé Lois Romero, que foi o encargado de compoñer a banda sonora.

A visión que ofrece da emigración esta nova produción da compañía pública galega é moi diferente á habitual. Ademais de abordar este fenómeno desde a óptica dun clásico, foxe da condescendencia que, ás veces, se ten cos emigrantes. «Ulises é un personaxe que vive na contradición. Por un lado, ten morriña pola súa terra, por deixar atrás Ítaca...; pero, ao mesmo tempo, vive unhas aventuras fantásticas, gozando dunha vida que se quedase na súa aldea non sería posible», explica Santiago Cortegoso, que lembra que Ulises é o primeiro emigrante da historia universal. Nese senso, incide en que «a emigración galega foi unha gran Odisea, foino e está sendo. Todo iso aparece reflectido aproveitando esa aventura escrita por Homero pero tamén botando man desas historias que todos coñecemos de emigrantes», explica o autor do texto, que tamén será publicado formando parte da colección de libros do CDG.

Sandra Alonso

Dezanove funcións e pola rede

Esta primeira produción propia da compañía de teatro pública galega dependente da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ten previsto ofrecer dezanove funcións en Santiago. Debido ás novas restricións pola pandemia, adiantáronse os horarios media hora para dar marxe suficiente co toque de queda. Deste xeito, desenvolveranse os xoves 21 e 28 a partir das 20.00 horas. Os venres 15, 22 e 29, haberá dobre función ás 17.00 e ás 20.00 horas, ao igual que os sábados 16, 23 e 30. Pola súa banda, os domingos 17, 24 e 31, a función será a las 17.30 horas. Tamén haberá unha sesión «descontraída» o mércores 20, ás 20.00 horas. Ademais, por primeira vez, poderase ver por streaming unha das funcións, a do domingo 24, incluíndo interpretación en lingua de signos. O charco de Ulises non só se representará en Santiago. En novembro e decembro xirará por localidades galegas. Este ano o CDG porá en escena outras dúas producións propias, Terceiro acto e Serva me, servabo te, así como unha montaxe do programa «Nós».