A incontinencia creativa dunha Taylor Swift que namora

FUGAS

MARIO ANZUONI

«Evermore» sucede a «Folklore» e mostra a unha artista en refacho. Unha xoia. Outra máis

22 dic 2020 . Actualizado ás 19:21 h.

É necesario lembralo para os adanistas, os que consideran que as cousas empezan a existir cando eles levantan o pulgar de aprobación: Taylor Swift xa era unha artista excepcional antes do 2020, cando ese público e esa crítica que agora lle ofrecen todo tipo de gabanzas a vían como un olvidable produto comercial. Aí está 1989 (2014) para quen desexe saborear a excelencia previa ao xiro dado con Folklore (2020) e que agora, só cinco meses despois, corrobora o recentemente editado Evermore. De novo por sorpresa, en Internet e dun día para outro. Un autosuficiente e glorioso «fago o que me dá a gana» que se converteu nun dos picos do ano.

Ao lado da onda de grandes discos de veteranos como Bob Dylan ou Bruce Springsteen e da confirmación (e aceptación) de Bad Bunny e J. Balvin, o resumo do 2020 pide un oco moi especial para estas dúas coleccións de deliciosas cancións. De novo, repite clima otoñal, ton pretendidamente íntimo, produción tenue (Aaron Dessner de The National) e, sobre todo, inspiración. Hai moita maxia flotando por estas 15 cancións marabillosas. Cousas como Gold Rush, que se abre como unha flor melódica de pétalos radiantes, son do mellor que se puido escoitar en meses. O seu cameo con Bon Iver na titular Evermore, coa que conclúe o álbum, deixa con ganas tolas de adquirir a inminente copia física (con dous temas máis). E o seu juguetón Non body, non crime con Haim (ˇcon reminiscencias do Poison de Alice Cooper!) dá outra cara dun disco unitario pero cheo de matices. Unha xoia. Outra máis.