Juan Carlos Cambas: «Todos os artistas que están no disco estano por algo»

FUGAS

cedida

O pianista publicou «A Viaxe», un álbum no que colaboran Silvio Rodríguez, Dulce Pontes, León Gieco e José Sancristán, entre outros

18 dic 2020 . Actualizado ás 11:39 h.

Chegou Juan Carlos Cambas a Galicia, desde Arxentina, no 2002. Medio século antes os seus pais fixeran o camiño á inversa. E é nese tránsito de ida e volta, con toda a bagaxe emocional e cultural que trae, onde senta os fundamentos conceptuais e musicais da Viaxe, un ambicioso proxecto no que empregou dez anos e do que agora edita o seu primeiro volume en forma de disco con 18 cancións. Entre elas aparecen grandes clásicos do folclore latinoamericano (zambas, malambos, cuecas, milongas...), temas inéditos e outros cuxa autoría corresponde aos propios colaboradores. Trinta e un participan no disco. Da talla de Silvio Rodríguez, León Gieco, Juan Carlos Baglietto, Kepa Junkera, José Sancristán, Joãou Afonso, Uxía ou, por suposto, Dulce Pontes, de quen Cambas foi pianista durante unha década.

­—O disco semella, primeiro de nada, unha ponte entre dúas culturas.

—Quen tivemos que saír do noso país sabemos o que iso implica de desarraigamento, de descontextualización, de choque de culturas… Si, o disco é unha homenaxe a todos eses que imos e vimos… Un proxecto que busca borrar fronteiras, igualarnos grazas á música. E é que, ao final, cando vou a Arxentina dinme galego e rendo estou aquí son o arxentino. Entón, ou pertences aos dous lados ou non es de ningún.

—Empregou dez anos en facer este disco.

—Si, primeiro porque a idea conceptual é moi complexa e ha ir evolucionando e tomando forma propia co tempo. E segundo, porque economicamente eu me feito cargo de todo. De pagar os arranxos, os estudos de gravación, a edición do disco… E iso lévame tempo conseguilo. Pero así e todo, aínda que tivese todo o diñeiro xunto non tería sido tan doado elixir ás persoas indicadas para cada un deses temas. Porque non se trataba de sumar artistas famosos por sumar. Todos están por algo.

—Por quen empezou?

—José Sancristán foi o primeiro que gravou. Eu buscaba dous actores para recitar dous poemas. Quería un español pero que fóra moi coñecido en Arxentina, que fose como noso, e foi José Sancristán. E un arxentino que fose moi querido acá, que vai ser Héctor Alterio, que xa gravou e aparecerá no disco 2.

—A nómina de colaboracións atafega. Como conseguiu que todos eses grandes artistas participasen no disco?

—Hai dous factores que me axudaron moito. O que no meu anterior disco eu tivese unha canción gravada con Mercedes Eslamiada, que é un mito a quen todos os músicos veneran. E o ter sido o pianista de Dulce Pontes durante dez anos. Creo que grazas a eses dous feitos foi máis doado que os artistas empatizasen, xa non comigo senón co proxecto, involucrásense con el e dixesen que si.

—Aos de España coñecémolos ben, pero dos de Arxentina, a quen destacaría?

— Pois mira, León Gieco é unha icona en Latinoamérica. Piero enche estadios de fútbol. Juan Carlos Bagliettto é unha lenda do rock nacional. Suma Paz é a gran cantora da Pampa. Walter Ríos foi o bandoneonista de Mercedes Eslamiada. Nahuel Penisi é gañador dun Grammy Latino… E logo hai unha chea de artistas con moitísimo talento pero que non destacaron tanto aínda.

—E a colaboración de Silvio Rodríguez, como xurdiu?

—Contactei a través de redes sociais coa flautista do seu grupo. Que despois resultou que tamén era a súa muller, Niurka, pero entón eu non o sabía. Propúxenlle que cantase A Vida, un tema seu que é unha viaxe por nosa propia existencia. Tardei tres meses en que me contestase. Finalmente díxome que Silvio estaba interesado. Mandeille os arranxos de piano e despois dun mes sen noticias, de súpeto unha mañá tiña a voz de Silvio no correo. Uns anos despois coñecémonos persoalmente. Fun a actuar con Dulce a Cuba e pasamos toda unha mañá con el. É unha persoa incrible.

—E, claro, Dulce Pontes non podía faltar en «A Viaxe».

—Obviamente. Para min é unha artista única. Só a podería comparar con Mercedes Eslamiada. Coñecina no 2010 tras un concerto que ofreceu en Pontevedra. Deille o meu disco e ela deume un seu. Unha semana despois invitoume a ir a un recital que daba en Portugal e alí propúxenlle participar no meu proxecto. Uns meses despois actuei con ela a Arxentina. Alí gravamos Imos Nina, a canción que aparece no disco. A partir de aí propúxome formar parte da súa banda e durante dez anos toquei con ela por todo o mundo.

—Imaxino que neste disco hai moitos soños cumpridos, pero cal é a súa colaboración soñada?

—Teño moitas. Viaxando con Dulce coñecín artistas cos que teño unhas ganas de gravar enormes. Hai un mozo grego, Thodoris Voutsikakis, que me flipa como canta, unha chea de músicos turcos, un pibe arxentino que fai música xudía que se chama Gastón Saied… Hai tanta xente no mundo para gravar…

—Chama a atención que non cite a nomes máis coñecidos.

—Eu invito os meus colaboradores porque me namoro do que fan. É certo que gravei con artistas moi famosos pero tamén con moitos músicos aos que apenas ninguén coñece, pero aos que admiro ou son amigos.

—«A viaxe. Dende Arxentina ata Galicia» é o primeiro disco do proxecto. Cal será o segundo?

—Vaise chamar A Viaxe: Dende Galicia ata Arxentina. Vai estar máis centrado en artistas e en músicas galegas. Pero xa teño exceso de temas. Teño 22 gravados e aínda me falta case toda a parte latinoamericana. Non sei… Terei que facer un disco 3 (ri).

—Haberá tamén colaboradores de luxo?

—Si, hai nomes que todos coñecemos pero de momento prefiro non adiantar nada. Aínda quedan algúns por pechar.

—Haberá xira «A Viaxe»? Levará este disco ao directo?

—Oxalá. A miña idea orixinal era presentar este disco en portos. Unir coa música portos atlánticos. Pero co tema da pandemia non se se se poderá facer. En calquera caso si agardo poder facer concertos este verán e ir contando neles con algúns dos invitados que participan no disco. Obviamente, con todos non vai poder ser.