Virxinia Pereira, a muller «con ideas propias» de Castelao

Mila Méndez Otero
Mila Méndez REDACCIÓN / LA VOZ

FUGAS

cedida

O seu marido eclipsaba, pero Virxinia Pereira foi máis que un apoio para o galeguista; as súas cartas publicadas polo Consello da Cultura revelan á muller á sombra do xenio de Rianxo

17 feb 2021 . Actualizado ás 09:41 h.

«Como vostede sabe de abondo, amigo Valentín, que aquel meu inmenso Danieliño non foi endexamais 'axeitado' para ser dono de moitos cartos porque non lle interesaban». A primeira sorpresa que amosan estas palabras redactadas por Virxinia Pereira Renda (A Estrada, 1884, Madrid, 1969) en abril de 1951 é o idioma no que están escritas. En galego. Unha opción que «non era moi habitual nos círculos galeguistas; na súa correspondencia privada escribían en castelán, pero aínda moito menos entre as mulleres era esperable. Ela ten práctica, vese na súa prosa, escribe con coñecemento das características do galego culto. Na primeira carta, Paz-Andrade diríxese a ela en castelán. Ela responde marcando o territorio en galego. Fiel a esa idea de defensa da cultura de Galicia, da súa lingua», explica Rosario Álvarez Blanco, a presidenta do Consello da Cultura Galega.

O portal dixital da institución vén de publicar 43 cartas que a muller de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886, Bos Aires, 1950) se intercambiou con Valentín Paz-Andrade estando ela xa viúva e no exilio e sendo o pontevedrés o seu avogado. Un epistolario que inclúe as fotografías dos orixinais que viaxaron entre Bos Aires e Galicia nos 50 e 60 e no que hai misivas dirixidas a outros interlocutores que mediaron nos asuntos que Pereira tratou co homenaxeado nas Letras Galegas do 2012.

virxinia
Consello da Cultura Galega

A intrahistoria dunha lenda

O proxecto, incluído noutro que busca coñecer a persoeiros galegos a través da súa correspondencia, permite trazar un perfil da persoa que acompañou a Castelao ata a morte do intelectual o 7 de xaneiro de 1950. «Estas cartas teñen moita intrahistoria sobre como se creou a memoria do escritor», desvela a presidenta do Consello da Cultura Galega.

«O epistolario con Paz-Andrade descobre unha muller que se moveu activamente nos círculos galeguistas e na defensa da memoria de Castelao. Reivindicou o seu recoñecemento nun contexto moi difícil, no franquismo e desde a Arxentina. Parte do legado material e inmaterial que coñecemos del con moita normalidade hoxe débese ao esforzo dela. Que poida estar a súa obra no Museo de Pontevedra e no Museo do Pobo Galego é grazas a Virxinia», di Álvarez.

As cartas tratan desde o seguimento que Virxinia facía das edicións dos libros de Castelao, que lía con detalle, ou das estreas da obra Vos vellos non deben de namorarse. Tamén asuntos domésticos relacionados coa súa subsistencia en Bos Aires e a da súa familia en Galicia. E hai confesións emocionantes, como cando le o poemario de Paz-Andrade, Pranto matricial, que este lle fai chegar e no que hai unha peza dedicada a Castelao, Cando ti volvas.

«Quen foi? Unha muller dunha familia acomodada da Estrada que casou con Castelao e o acompañou nos episodios importantes que protagonizou en Madrid no Congreso (onde coincidían con Otero Pedrayo, Ánxel Casal e súa muller, María Miramontes), na súa viaxe pola Bretaña ou no exilio. Con certeza sabemos que tivo un papel máis importante que o de apoio. As cartas revelan unha figura cunha personalidade, vida e ideas propias», insiste Álvarez.

A voda con Virgxinia. Castelao e Virxinia Pereira casaron na Estrada en 1912. Tiveron un único fillo, Afonso Xesús, que morreu antes de chegar aos 15 anos. Ela falecería en Madrid en 1969
A voda con Virgxinia. Castelao e Virxinia Pereira casaron na Estrada en 1912. Tiveron un único fillo, Afonso Xesús, que morreu antes de chegar aos 15 anos. Ela falecería en Madrid en 1969

A parella cómplice

Unha fotografía da parella tomada no 1912 dá pistas sobre a súa complicidade. Os dous están mirando á cámara, sorrindo, sorrindo moito. Foi antes dos anos difíciles, da morte do seu único fillo adolescente, das diferenzas familiares, entre a familia de Virxinia había franquistas, e da fuxida.

A publicación desta correspondencia coincide coa da biografía de Virxinia que asina Montse Fajardo co título A vida incerta. Un traballo para o que tamén se valeu destas cartas, que se presentan acompañadas dun texto de Miguel Anxo Seixas, ou biógrafo do autor de Sempre en Galiza.

Consello da Cultura Galega

«Estivo nun segundo plano, como correspondía ás mulleres da época, e respecto á figura inmensa do seu marido -é moi difícil brillar ao lado de Castelo, recoñece Rosario Álvarez-. Pero Virxinia nunca deixou de participar na vida cultural e política e, desde o ámbito privado, o seu labor non se traduciu nunha obra de creación concreta, pero si deixou moitos resultados inmateriais. Temos aquí un persoeiro importante da cultura galega do século XX», defende Rosario Álvarez. Na Arxentina, o colectivo Herbas de Prata ten un galardón bautizado co seu nome dedicado ás que loitan por manter as pontes con Galicia. «Aquí hai un filón, un fío do que tirar», di Álvarez, que se lembra doutras mulleres case descoñecidas, como a de Luís Seoane. Pola súa fidelidade, Castelao está en débeda con ela, e nós tamén.