Amar e odiar en Nápoles

Mercedes Corbillón FUGAS

FUGAS

09 oct 2020 . Actualizado ás 11:03 h.

Es así de doado morrer nas persoas sen as cales non podemos vivir? Iso pregúntase a protagonista da nova novela da Ferrante, que se chama Giovanna ou Giannina, depende de quen a chame, se os seus pais habitantes do barrio alto de Vomero ou a súa tía, que nunca saíu do barrio industrial de Pascone e quedouse detida nas nove noites de paixón que viviu co amor da súa vida, talvez porque o individuo en cuestión morreu pronto e na categoría de imposible, o que facilita moito converterse en eterno. Quizais hai que ser do Nápoles máis popular para amar e odiar dese xeito e a única forma de saír do barrio e das escuras paixóns é o estudo e a vida intelectual, que elimina violencia, disimula os desexos e, polo menos, fai máis elegante a vida mentireira dos adultos. A nova descóbrea baixo a mesa do comedor cunha ligazón de pés que non se corresponde coa unión das mans sobre o mantel. Querería seguir sendo unha nena, pero cando cae o veo que ás veces cobre as cousas non queda máis remedio que miralas de fronte e, se es pequena, facerche maior pola vía rápida ou pola vía rebelde. Giovanna escolle a segunda, con fracaso escolar, roupa negra e prácticas sexuais en parques públicos, náuseas incluídas.

Coñece a Roberto, inalcanzable, e decide amalo. Bo, non é exactamente así, pero eu sempre me pregunto canto ten o amor de decisión e canto de revelación.

Sexa como for, ás veces mórresche noutros sen que eles morran en ti. E, con todo, segues vivindo.