Nico Casal: «Cheguei a temer non recuperarme»

carlos pereiro

FUGAS

El pianista Nico Casal lanza nuevo EP
O pianista Nico Casal lanza novo EP cedida

O compositor galego formou parte dun equipo de Óscar e tivo que abandonar os escenarios no seu mellor momento, pero regresa cun brillante EP

12 jun 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A mala sorte golpea con acerto a pesar da súa propia semántica relacionada co azar. Só así se podería explicar como un compositor como Nico Casal pode sufrir unha lesión no seu dedo corazón, xusto cando se atopa no mellor momento da súa carreira, tras ter composto a banda sonora dunha curtametraxe gañadora do Óscar, Stutterer, e estar nomeado nos Premios Feroz pola Enfermidade do Domingo, para logo embarcarse nunha xira internacional para presentar o seu primeiro traballo discográfico, Alone (2019). É aí cando a súa man dereita di basta.

Agora, recuperado, o pianista galego regresa cun EP brillante, , o primeiro dunha serie que irá vendo a luz a medida que pasen os meses. Un percorrido solitario por teclas brancas e negras que parten da improvisación na procura de melodías fermosas.

­-A súa obra chega cunha pandemia mundial e a súa obrigada corentena. Non se se este feito lle chegou a pillar a nivel compositivo.

-Uf, a ver... Habería que ir máis atrás. Si ten que ver, pero o seu lanzamento estaba previsto xa para o ano pasado. A lesión cambiouno todo ao complicarse. É un EP que tiña ganas de que vise a luz e poderíase dicir que agora era o momento adecuado de compartilo.

­-Vostede, que parte da improvisación, como sabe cando dá coa melodía adecuada, que ten algo máis entre mans?

-A min gústame empezar a improvisar coa gravadora ao lado, gravalo todo durante corenta minutos dándolle voltas a un motivo, a outro. Ao día seguinte escóitoo e talvez atope algo interesante, tamén que haxa algo que me enganche. Nestas tres pezas do EP, o que máis me gusta é que parten de tres momentos moi distintos. Novo, por exemplo, é unha idea sobre a que estiven traballando un ano, dándolle forma. Outubro, a máis curta, é especial porque foi unha improvisación que sae do 2009. Estaba aí apartada, sen saber que facer con ela, pero ao atopala de novo vin que podía sacala agora. É unha recreación exacta da improvisación que fixen en Vigo, no meu cuarto, fai dez anos.

­-Optou polo sistema de publicación episódico, é unha adaptación aos tempos que corren?

-Si, talvez por intentar ser un pouco máis fresco. Ter tres temas e sacalos, non agardar todo ese longo proceso que require un disco. Pensei que esta era unha boa forma de compartir as miñas cancións sen ter que agardar dous anos. Este volume é só piano, pero o segundo incluirá música electrónica, mentres que o terceiro tamén terá voz. Non sei, é un xeito de tamén ter esa liberdade de que a medida que traballo podo ir incluíndo novas cousas.

­-A vostede esa lesión pilloulle nun momento máxico. Como se vive un parón así?

-Foi un golpe moi duro. Conseguira dar un paso na miña carreira en solitario e a experiencia estaba a ser marabillosa. Digamos que a lesión me veu nun dos meus mellores momentos e... o hostión foi grande. Estaba fatal, mentalmente foi moi duro e houbo momentos nos que... bo, chegouse a temer por non recuperarme do todo. O certo é que perdín algo de agarre nese dedo corazón, pero bo, podo seguir tocando. Menos mal. Tiven que tomarme as cousas con moita calma, pero este 2020 empezou moi ben, traballando nunha nova película e co EP, así que...

­-En que película está a traballar agora?

-Pois xa se pode dicir; é unha coprodución entre España, Arxentina, Chile e Brasil. Chámase Wandering Heart, e está escrita e dirixida por Leonardo Breszicki. É xenial volver a este tipo de traballo.

­-Como se pon con iso? Ve a película? Le só o guion?

-Depende . Compor sobre guion encántame porque é montarme a miña peli.