Sen Senra: a última sensación galega

FUGAS

Son Raparigo

Sen présa pero sen pausa, con só 24 anos, o galego leva ás súas costas tres discos publicados. Co último, «Sensacións», roza xa os dous millóns de reproducións en YouTube. Nada pode parar este caudal

17 ene 2020 . Actualizado ás 15:28 h.

Cando Christian Senra descolga o teléfono é doado intuír a súa mocidade. A súa forma de falar e a espontaneidade que lle confire a idade son un aceno inconfundible de que este artista, máis coñecido como Sen Senra, pertence á xeración millennial. Con todo, en contra do estigma que teñen os seus contemporáneos, no seu discurso destacan a determinación e a claridade. O mozo, sen dúbida, é un artista de contrastes. Mudarse a Madrid desde Presqueiras, unha pequena parroquia de Forcarei duns 200 habitantes dá proba diso, aínda que sempre lle gusta volver a casa «para respirar o verdadeiro aire fresco». Este yin e yang forma parte indiscutiblemente da música de Sen Senra. Despois de iniciarse con dous discos que poderían encadrarse dentro do garage (Permanent vacation, do 2015, e The art of self-pressure, 2017) agora aparece con Sensacións , un traballo poliédrico cheo de sons que se moven entre o R&B e o pop pero ao que non se lle pode colgar unha única etiqueta.

A versatilidade do cantante pódese percibir nos catorce temas que compoñen o seu álbum. «Así como podo coller unha guitarra e unha voz soa en Xa non che fago falta, non me corto as ás para experimentar por exemplo en Como sacode que é un pouquiño máis electrónica e un pouco máis agresiva», explica o cantante que, facendo referencia ao título do seu disco, recoñece: «As sensacións que estou a recibir da xente son incribles».

Perseveranza e intuición

Detrás do seu último disco están máis de dous anos de traballo, a discográfica Son Raparigo —en plena eclosión tras o éxito de proxectos tan populares como Carolina Durante e Cariño— e Anxo Ferreira, membro de Novidades Carminha e produtor do álbum do galego. Con este último foi con quen traballou man a man para dar forma ao que Sen Senra tiña dentro. «A min gústame probar p'alante. Collo a guitarra e empezo a montar as pezas de algo que me sae un pouco sen moita premeditación» e practicamente co que ten a man, recoñece. Desa espontaneidade naceu, por exemplo, o tema de apertura do álbum, Tes reservado o ceo, cuxa voz gravou directamente cunha aplicación do móbil, como confesou a través de redes sociais.

Esta anécdota resume á perfección a filosofía de Sen Senra: «Non fai falta aforrar para alugar un gran estudo. Eu dígolles aos meus amigos: "Cólleche un teclado ou unha voz que se che dá xenial e canta por amais , feixe o que che represente, non intentes acadar algo que tampouco é que faga moita falta hoxe en día”. Se lle metes corazón xa está, o importante é que esteas ti orgulloso do teu traballo e todo chegará».

«Síntome representado ao 100 %, este disco é Sen Senra»

Aínda que moitos ven neste cantante ao Frank Ocean galego, o mozo asegura que a súa principal influencia é a súa intuición. «Non poño cancións e digo: “Quero soar como isto”. Eu ao final fago a miña música e creo que neste disco o conseguín e síntome orgulloso por iso, porque me sinto representado ao 100 %, é como “este disco é Sen Senra”».

Outro éxito do panorama galego

En plena etapa dourada da música en Galicia, Sen Senra se aúpa ao carro do éxito que nos últimos anos están a gozar artistas como Novidades Carminha, Baiuca ou Agoraphobia. O cantante vai camiño dos dous millóns de reproducións na súa canle de YouTube e en Spotify supera con folgura os máis de 100.000 oíntes mensuais. Pero estes datos non o cegan no seu proceso creativo. «Neste sentido síntome cero millennial», comenta entre risos. «Ás cifras non lles dou importancia. Sen dúbida faiche feliz ver que chega a máis sitios, que cada vez che escoita máis xente, iso é unha felicidade, pero non cambio a miña forma de traballar polos números», conclúe.

«É un orgullo que haxa bandas galegas que estean a representar aí fóra con productazos»

Sobre o recente bum da escena galega, para Sen Senra «é un orgullo que estea a pasar todo isto». A súa estreita relación con Anxo Ferreira e Carlos Pereiro, de Novidades Carminha faille ver este éxito de xeito moi especial. «Coñecémonos desde fai oito ou nove anos e estamos a ver crecer todo o do noso ao redor e tamén os nosos propios proxectos. É un orgullo que haxa bandas galegas, da terra, que estean a representar aí fóra con productazos».

Pero ao galego que é a última sensación galega fáltalle aínda a proba de lume: levar ao directo o seu último traballo. «Imos facer moi poquitas presentacións, festivais no verán e en novembro faremos unha xira de salas potente» na que por suposto estará Galicia. A falta de concretar as datas para este 2020, o que está claro é que o mozo conseguiu gañarse a atención do público e agora, como di un dos seus versos, «nada pode parar este caudal».