Carlos Blanco : «Os galegos nunca fomos de ir de chulitos pola vida»

FUGAS

BASILIO BELLO

Vén de rodar con Sorogoyen, Dani de La Torre e Mateo Gil. Se cadra por iso precisou volver á orixe, á esencia: ou monólogo. Pero non a calquera, senón a unha escolma dous mellores. E iso non seu caso son palabras moi maiores

10 ene 2020 . Actualizado ás 15:10 h.

É o seu territorio natural, ese que nunca deixa de transitar por moitas series, películas e obras de teatro que se lle crucen polo camiño. E vaia se se lle cruzan. É no monólogo -ou na contada, como ata non hai moito se lle chamaba- onde Carlos Blanco amósase en estado puro. Sagaz, punzante, áxil, certeiro, vibrante e incontible. Un «bota por fóra» constante, un alquimista da risa que non precisa de artificios nin de extravagantes fórmulas máxicas. Bástalle con situarnos fronte ao espello. E niso é un auténtico mestre.

­-Ben sei que non é como unha receita da Thermomix, pero que ten que ter un monólogo para quedar perfecto?

-Son completamente incapaz de teorizar iso. De feito, pedíronme varias veces que dese unhas clases de como facer monólogos e non as din porque xuro que non teño a máis mínima idea. O meu é puro instinto.

­-Como fixo a escolma para seleccionar estes, os seus mellores monólogos?

-Eu teño como tres ou catro horas de carrete e cada noite barallo e boto uns ou outros. De partida nin eu mesmo sei o que vou contar. Home, hai tres monólogos que podemos considerar os ghits: o dos kiwis, o de Amancio Ortega e o do porno galego, e deses tres boto un. O resto é onde a inspiración e a cabeza me leven.

­-Ademais dos clásicos, hai algún novo?

-Confeso que me custa moitísimo escribir cousas novas. Inténtoo, pero neste momento non son capaz. Levo tempo dándolle voltas a un texto sobre a estupidez humana... Sempre me volve á cabeza cando chega o Nadal e vexo as colas quilométricas diante de Doña Manolita.

­-Ten recoñecido que nestes últimos tempos volveuse máis prudente.

-Si, moitísimo máis. A medida que falas para públicos máis amplos debes selo. Por exemplo, retirei practicamente todas as alusións políticas dos meus monólogos. Entre outras cousas porque é que me aburren persoalmente. Prefiro xogar co que me rodea, co costumismo, coa xente, coas cousas que me contan. Si, fun evolucionando cara algo de máis amplo espectro. Máis branco, nunca mellor dito.

­-Tamén ten dito que o Sergas debería receitar monólogos. Para que doenzas son especialmente indicados?

-Hai xente que ao remate dun espectáculo vén darme as grazas porque necesitaban rir. Porque veñen dunha depre, porque están en quimio, porque tocoulles pasar un mal momento... Na vida podemos prescindir de moitas cousas pero de rir non. A xente consume humor porque o necesita. Por iso procuro que o prezo dos meus espectáculos sexa equivalente ao dun menú do día. E ao fío disto, o que si debería propiciar o Sergas é a presenza de cómicos e de pallasos nos hospitais. Está comprobado que a risa e o humor aceleran os procesos de curación.

­-Aínda que esta xira é de teatros, de cando en vez segue actuando tamén nos bares. Que lle proporciona a estas alturas?

-O bar é un laboratorio. É onde nace todo isto. Eu practicamente todo o meu repertorio construíno nos bares. De feito a miña teoría acerca de por que hai moitos máis homes que mulleres na comedia é porque hai que pasar polos bares. E as mulleres nos bares téñeno moitísimo máis difícil ca nós. Nos temos que aturar ao que quere falar máis ca ti, ao pasado de farlopa e ao que non deixa de dar a lata. Pero elas ademais teñen que aturar ao garrulo, ao descerebrado, ao mamalón... Machácanas. E moitas desisten.

­-Non todo bo actor ten porque ser un bo monologuista, ou si?

-Non, non. De feito nisto o difícil non é meterse. Se ti xa tes un nome como actor non é complicado que te contraten para facer un monólogo en tal sitio. O asunto é volver. O monólogo require un timing, unha chispa e unha capacidade de improvisación que non todos os actores teñen. Dende logo é un exercicio e un reto que eu lle recomendo aos compañeiros. Pero de aí a facelo ben hai un abismo. E, sobre todo, moitas, moitas actuacións.

­-De cantas podemos estar a falar no seu caso?

-Non sei, non levo a conta, pero máis de dúas mil, seguro.

­-Este ano traballou moito fóra de Galicia. Cal é o tópico do galego que máis lle irrita?

-O de que «ya habéis traído los gallegos la lluvia». Para o que eu teño a contestación automática: «Y vosotros la gonorrea».

­-E a arma secreta que utiliza fóra de Galicia e que ninguén espera?

-Marco moitísimo máis o acento. Que quede ben claro de onde son. E mira, niso Fariña fixo moito ben.

­-Porque, como imos os galegos co tema da autoestima?

-Somos como somos. Os galegos nunca fomos de chulitos pola vida aínda que sexamos unha potencia en curvas, en preguntas ou en orballo. Sempre imos como pedindo permiso. O cal penso que non é unha mala actitude para andar polo mundo. Eu comparto moito cos portugueses ese non chegar asoballando. Aínda así, coido que ultimamente melloramos bastante.

NOIA TEATRO COLISEO NOELA VENRES, 21.00 E 23.00 HORAS, 11 EUROS

RIBADAVIA CASA DA CULTURA SÁBADO, 20.30 E 22.30 HORAS,  11 EUROS