O galego que puxo a bailar á galiña Turuleca

FUGAS

cedida

O compositor Sergio Moure é o autor da banda sonora da película de animación que triunfou este Nadal

11 ene 2020 . Actualizado ás 08:30 h.

Puxo unha banda sonora, puxo dúas, puxo tres. En realidade é autor de decenas delas. «É certo que ultimamente estou a traballar ben e este ano que empeza preséntase igual, con bastantes proxectos que aínda non estou en condicións de avanzar», comenta Sergio Moure de Oteyza, o galego que asina a banda sonora dun dos éxitos deste Nadal, A Galiña Turuleca, que aínda está en cartel en moitas salas da nosa comunidade. «Levo moitos anos facendo cine de terror, drama, comedia… De todo. Pero longametraxe de animación é o primeiro e estou moi orgulloso do resultado. É un xénero que me gusta e aceptei o reto de inmediato. A forma de traballar é similar a unha banda sonora dun filme con actores de verdade, pero na animación a música acompaña os movementos, como os debuxos da Warner de Correcaminos e o Coyote. Está moi presente», pon como exemplo. Sergio é o autor da banda sonora orixinal que soa no filme, excepto tres ou catro cancións, como a famosa que todos lembramos. «Cando chamaron de Filmax para proporme o traballo o primeiro que pensei é se os nenos de agora coñecerían ao personaxe. Por fortuna, a canción serviu para que pasase de xeración en xeración. É un tema moi popular. Eu claro que me acordo da galiña Turuleca de cando era pequeno e ata dos Chiripitifláuticos», asegura este compositor coruñés de orixe carballesa que acaba de cumprir 50 anos.

CINE EN FAMILIA

Ten dúas fillas de 10 e 8 que por fin puideron acudir en familia a unha película na que o seu pai figura nos títulos de crédito. Ata agora fora difícil. «Encantoulles, están como tolas co feito de que o seu pai faga debuxos animados. Xa a viron tres veces. As últimas películas ás que puxen banda sonora eran para adultos ou non propias para a súa idade e, loxicamente, non se trataba de que as visen», explica. A galiña Turuleca é o título máis recente e vendedor de billetes, pero hai outras producións coa súa banda sonora que van ser actualidade nestes primeiros días do novo ano. Precisamente o 17 de xaneiro estréase en distintas salas dos Estados Unidos a coprodución Feedback, a ópera prima do tamén galego Pedro Alonso, e de cuxa música tamén é autor Moure. Coincide que dentro duns días presentar o novo espectáculo de Nova Galega de Danza no que o compositor de moda xoga un papel importante. «Fíxenlles a música e foi un pracer. É a segunda vez que colaboro con eles. O meu é o cine e a televisión, pero gústame todo. Son compositor para moitas cousas», confesa. Danza, filmes de acción e a famosa galiña que puxo un ovo, puxo dous, puxo tres. «Fixen algunha variación na banda sonora da película que lembra á melodía famosa. Pretendín darlle ese aire de cómic, de debuxos, algo optimista, ideal para unha obra de animación como esta», destaca o home que puxo a bailar á galiña Turuleca. Polo visto, este ano vai seguir pondo moitas bandas sonoras en producións de distinta índole. Unha, dous, tres e as que sexan.