Ugía Pedreira: «Mereciámonos unha despedida así»

FUGAS

Tras cinco anos sen subir a un palco, o Culturgal reúne ao lembrado grupo para que ofreza un último concerto coa colaboración de Sabela

29 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Sentoulle ben o tempo ao legado de Marful. Reivindicounos. Sen precisar de ningunha chamada de atención pola súa parte. Os camiños que eles desbrozaron son hoxe transitados por moitos artistas dos que se di que están a renovar as nosas músicas populares. Aínda así Ugía Pedreira, a voz de Marful, rexeita que foran uns adiantados ao seu tempo. «Estabamos no noso tempo facendo as cousas que correspondían a ese tempo. Se o país, en xeral, ía a outra velocidade, non era problema noso».

Tan só publicaron dous discos, Marful (2006) e Manual de sedución (2010). Dúas pezas esenciais na fértil confluencia entre a tradición e a canción de autor galega. Hai cinco anos desapareceron, case sen avisar. O Culturgal reúneos mañá para saldar con honra esa despedida pendente.

-Por que aceptaron reunirse e facer este concerto?

-Porque nos merecíamos unha despedida así. Tivemos un reencontro moi lindo así que por que non darnos este pracer e pechar un ciclo con toda a xente que nos acompañou durante aqueles anos, con toda aquela xeración que nos entendeu e coa que nós nos entendemos.

-As cancións de Marful semellan atemporais. A que cre que se debe?

-No momento de compoñer aquelas pezas dentro do grupo fomos moi respectuosos uns cos outros, coa cultura e coas referencias de cada un. Iso propiciou ese carácter singular que teñen. Viñamos de lugares musicales moi distintos. Do jazz, do tradicional, do flamenco... E confluimos na canción de autor. Non foi doado. Houbo moito camiño que desbrozar pero coido que ao final movéronse os marcos.

-Hoxe hai moitos músicos galegos que transitan eses camiños. En cales deles advirte a herdanza de Marful?

-Ademais do grupo os catro compoñentes mantiñamos ao mesmo tempo unha vertente educacional e pedagóxica. É normal que haxa unha canteira porque moitos músicos actuais pasaron polas nosas aulas. Pero había algo profundo en Marful que non vexo moito na actual xeración, que é achegarse ao abismo. No caso meu, da poesía e das letras, eu sentíame aí. E hoxe vexo menos intensidade, menos profundidade. Que tamén é normal, porque o contexto social non vai por aí.

-Non cre que a proposta de Marful seguiría tendo vixencia na actualidade?

-O da vixencia é moi relativo. Depende tamén de quen te queira e saiba vender. Na industria musical ninguén escapa das mans do capitalismo. Quen queira vender ten que ir por un rego. E nós non estabamos dispostos a ir por ese rego.

-No concerto de mañá tamén subirá ao escenario Sabela, a cantante que interpretou o «Tris-Tras" de Marful en «OT». Como xorde esa colaboración?

-Pola nosa parte é un agradecemento. Que alguén mozo recollese esa canción nosa e a colocase nun lugar onde evidentemente é moi difícil que chegase a música galega de autor, ben o merece. Coñecín a Sabela hai pouco pero caémonos moi ben. Hai moitas cousas que nos unen, como a diversidade funcional ou o territorio musical no que nos movemos de maneira natural. Así que é un pracer que suba ao palco esa noite para cantar con nós o Tris-Tras e outras dúas cancións.

-Tras a despedida definitiva de Marful, en que se vai centrar Ugía Pedreira?

-Seguirei co meu traballo activista e comunitario dentro do territorio galaico-asturiano. É importante que os músicos volvan á súa pequena comunidade porque no rural hai moito traballo que facer. Todas as noticias de como vai o planeta indican que haberá que volver ás tribos. E eu niso estou. Por outra banda, sigo movendo o disco-libro infantil A comuna do Barruzo. Tamén axudei na posta en escena do último disco de Guadi Galego e espero seguir facendo isto máis veces coa miña socia Marina Oural. E, por suposto, sigo compoñendo as miñas cancións, que sairán nun formato e nun tempo que aínda non sei cal vai ser.

  • PONTEVEDRA PAZO DA CULTURA SÁBADO, 21.30 DENDE 8,80 EUROS