A axenda de lecer da fin de semana

FUGAS

XXX

Andrés Suárez, Tony Lomba, Familia Caamagno e Morgan, entre as citas da fin de semana

08 novs 2019 . Actualizado ás 17:23 h.

Venres 8 de novembro

MARÍA TORO CUARTETO

O jazz en butaca

O cuarteto da versátil, e cada vez máis consolidada internacionalmente, flautista coruñesa abrirá o ciclo Butaca de Jazz, que en próximas semanas achegará á cidade a Chicuelo e Mezquida, Jeff Ballard e Javier Outeiro, Antonio Serrano e Josemi Carmona.

• • • A Coruña, SEDE AFUNDACIÓN, VENRES, 20.30, 15,60 euros

BÁGOAS DE SANGUE

Afastados dos tópicos

Chegan desde Barcelona e preséntanse como unha «banda de rap combativo» que, afastada dos tópicos da herdanza norteamericana do xénero, bebe de estilos como o rock, o reggae e dalgún ritmo próximo á salsa.

• • • sANTIAGO, CAPITOL, VENRES, 21.30, 13 EUROS

 ANDRÉS SUÁREZ

En acústico e intimísimo

Outro ciclo que comeza, neste caso o de Momentos Alhambra Acustiquísimos. Pretende ofrecer ao público unha experiencia musical intimista, única e exquisita con figuras imprescindibles da escena española. O problema é que o reducido formato complica conseguir entradas.

• • • santiago, Hotel Monumento San Francisco, VENRES, 21.00, entradas esgotadas

PREXTON

Co mellor do pop e algo do folk

De Prexton díxose que «é un catalizador do bo que o pop nos deu nestas últimas décadas. Desde a faceta máis clásica do británico á forza noventera do americano». E si, por aí van os tiros. Poden comprobalo esta noite, na que se presenta acompañado por Iago Blanco na batería e Álex Rapitis ao baixo.

• • • A Coruña, BâBâ, VENRES, 22.00, 6 EUROS

TONY LOMBA

Carne de night club

Poucos sitios antóllanse tan propicios para o insigne crooner vigués como o Sinatra, co seu vetusta esencia de night club. O local celebra este mes o terceiro aniversario da súa resurrección. Non podía faltar unha dose de música lixeira posta en escena do modo máis salvaxe.

• • • VIGO, SINATRA, VENRES, 21.00, 10 EUROS

Sábado, 9 de novembro

THE REVEREND SHAW AMOS

Chicago por unha noite

Non adoitan necesitar credenciais as propostas do Outono Códax. A fiabilidade da súa programación está máis que avalada. Pero se a alguén lle queda algunha dúbida, que se achegue mañá á Capitol, convertida por arte e maxia do reverendo Shaw Amos nun club de blues de Chicago dos anos 60.

• • • SANTIAGO, CAPITOL, SÁBADO, 21.00, 24 EUROS

FAMILIA CAAMAGNO

Gran estrea en salas

Xa leva uns mesiños rodando Había que intentalo, e as súas cancións soando en festas e festivais. Pero mañá será a primeira vez que soen nunha sala, ese altar sagrado da música en directo. A ocasión, o 20 aniversario da Mardi, ben o merece. E en plena xornada de reflexión. Así que como eles mesmos proclaman: «Viva a democracia e o cubalibre!».

• • • A Coruña, Mardi Gras, sábado, 22.30, 11 euros

MORGAN

Nada que obxectar

Con case un centenar de concertos ás súas costas no que vai de ano chegan a Galicia os grandes triunfadores dos premios da Música Independente do 2019. ¡Quen llo ía a dicir! O éxito, de cando en cando, resulta tan xusto.

• • • VILALBA, AUDITORIO, SÁBADO, 21.00, 15 EUROS

• • • SANTIAGO, CAPITOL, DOMINGO, 20.30, 23 EUROS

ESPIÑO

Charla e concerto

O músico compostelán dará unha conferencia a partir das 11 horas na que repasará a historia da música moderna en Santiago, baseándose na súa tese a súa tese universitaria Beat, pop e rock en Santiago de Compostela (1954-1978). A continuación, ofrecerá en sesión vermú acompañado por Brais Sánchez (guitarra eléctrica) e Álvaro Crego (trompa).

• • • SANTIAGO, RIQUELA, SÁBADO, 11.00, GRATUÍTO

PROG GOTHIC NIGHT

Velada tinguida de negro

Velada para presentar en directo os discos do quinteto de rock progresivo con tinguiduras de metal gótico Voices of Galadh e da banda de metal sinfónico Unliving Sen, que contarán ademais como grupo invitado con Ollo, lóstrego!

• • • VIGO, MASTERCLUB, sábado, 22.00, 9 euros

TONINA SAPUTO

Voz de veludo negro

Dubidan acerca de se ir ou non ao concerto da cantante de Missouri? Entren en Youtube e escóitena cantar en clave de exquisito e elegante jazz Historia dun amor ou Talvez, talvez, talvez. Asunto resolto. Que a gocen...

• • • RIBADEO, AUDITORIO, sábado, 20.30, 8 euros

Domingo, 10 de novembro

 

DR MAHA'S MIRACLE TONIC

Aires de vodevil

A ritmo de swing, pero sen ánimo purista, o quinteto vasco rende homenaxe á música dos anos 40 e ao vodevil de principios do século XX.

• • • LUGO, CLAVICÉMBALO, SÁBADO, 20.30, 5 EUROS • • • BUEU, ATURUXO, DOMNINGO, 20.30, 10 EUROS

OS AMIGOS DOUS MÚSICOS

Pop de carballeira

Plan para o domingo: botarlle uns bailes con algunhas desas pezas tan bonitiñas que crean estes ourensáns. O pop tamén é de carballeiras.

• • • TEO, CARBALLEIRA DE FRANCOS, DOMINGO, 20.00, GRATUÍTO

E ADEMAIS

SWAY WILD • • • A  CORUÑA, Mardi Gras, mércores 13, 10 euros

MARÍA MEDEIROS & THE LEGENDARY TIGERMAN • • • SANTIAGO, AUDITORIO, mércores 13, 20.30

14 euros

axenda.fugas\lavoz.es