«Cada vez parézome máis á miña nai»

FUGAS

cedida

Santi Millán exerce de cómico e cascarrabias en #lodelarisa, xunto a Javi Sancho e David Amor

20 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O da comedia lévao interiorizado desde os seus tempos na Cubana. O de asomarse só ao escenario xa non tanto. Pero sabedor de que non vai mal de talento, gracejo e empatía Santi Millán  bota o resto e enfróntase ao público e á crise, temores e teimas que lle xeraron os 50.

­-Que é isto de #lodelarisa ?

-O título xa dá unha pista. Basicamente imos botarnos uns risos, empezando por nós mesmos.

­-Ou sexa que o seu é un texto propio.

-Si, é algo moi persoal. O que veredes alí será a min contando as miñas merdas, as miñas filias e as miñas fobias. Pero serán as miñas, si.

­-Di que a súa principal fobia é ter cumprido 50 anos.

-A cuestión é que a medida que cumpres anos ti non sentes que os vas cumprindo. Eu síntome como cando tiña 35, por non dicirche menos. Pero, claro, unha cousa é como ti che sintas e outra como che percibe a xente, que é como alguén de 50 anos, que son os que tes. E desa disfunción é do que falo.

­-Que é o que lle máis lle asusta de ter acadado esa idade?

-Máis que asustarme, hai cousas que me dan rabia. Eu sempre oíra que coa idade empezas a relativizar e a min estame pasando o contrario. Agora danme rabia cosas que antes me daban igual. E falo de bobadas. De que a xente vaia amodo pola rúa, da purpurina, de que poñan o rolo do papel hixiénico do revés, que a miña filla se deixe as luces de casa acesas... Se andades por casa e un día védesvos apagando as luces, iso é que xa vos estades volvendo maiores.

­-Non se estará volvendo un cascarrabias?

-Completamente. É que me lembro á miña nai. «Pecha a neveira, fillo. Que feixes aí media hora mirando a ver que queres?». Foder, e agora así me vexo.

­-Graba series, películas, presenta programas de TV... Por que se sobe tamén ao carro dos monologuistas?

-Para min é volver á esencia porque o que de verdade me gusta é o contacto co público. Á parte, o verbalizar as miñas merdas fai que se relativicen, que ría delas. Ten tamén algo de terapia.

­-Está a gravar a segunda tempada de «O pobo», xusto agora que moitos actores empezaron a defender que as series tamén terían que ter o seu espazo nos Goya. Cal é a súa opinión?

-Estou totalmente de acordo. Primeiro porque a ficción nacional é o que está a dar para comer ao 90% da profesión. E aquel estigma que tiña fai uns anos, de, bo, se non podes facer cine polo menos fas televisión, desapareceu por completo. Facer cine en España está a volverse farto difícil. E hoxe facer ficción é tanto ou máis digno.

­-Pasan os anos, pero o recordo de «7 Vidas» segue indeleble. Por que nos marcou tanto aquela sitcom?

-Porque nunca máis se fixo algo así. Ensaiabamos sos, pero despois gravabamos con público en directo. Era brutal. Traballar alí era unha alegría. Foi un luxo.

­-Hoxe meteríase nun proxecto así?

-De cabeza. Esa concepción teatral que teñen as sitcom é algo que me apaixona.

­-Máis aló do monetario e dalgunha que outra polémica nas redes, que lle achega «Got Talent»?

-Gozo moito con ese formato porque temos total liberdade á hora de facelo. É que non é un programa ao uso. É un sitio onde vives moitas sensacións e moitas emocións. Eu levo cinco edicións, pero para cada participante aquilo é unha experiencia única e inesquecible. E, queiras ou non, imprégnasche das súas ganas e da súa ilusión. De verdade que é un programa moi enriquecedor.

­-Permítenlle improvisar?

-Non é que me permitan improvisar, é que nas audicións non temos guion.

PONTEVEDRA AFUNDACIÓN venres, 21.00 desde 12,06 EUROS

SANTIAGO AUDITORIO ABANCA sábado, 20.30 desde 16,60 EUROS