Reedición das xoias ocultas de Prince

FUGAS

cedd

Acaba de saír ao mercado The Versace Experience (Prelude 2 Gold), disco que se editou como unha especie de aperitivo do seu álbum The Gold Experience en 1995, e que nunca se comercializou. Prince padece o efecto Hendrix...

20 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Prince está a padecer o chamado efecto Hendrix, que vén ser que saca máis discos morto que vivo. Andan os das compañas discográficas rebuscando no seu denso legado e atopando cousas que no seu momento foron dificilísimas de adquirir e póndoas ao alcance de todos os que botan de menos ao xenio de Minneapolis. Acaba de saír ao mercado The Versace Experience (Prelude 2 Gold), disco que se editou como unha especie de aperitivo do seu álbum The Gold Experience en 1995 e que nunca chegou a ser comercializado, xa que se regalou en formato casete de edición limitada a aqueles privilexiados que acudiron ao desfile de Versace na Semana da Moda de París daquel ano. No pasado Record Store Day reeditouse a cinta, pero agora sacárono por fin en disco por primeira vez. O contido tampouco é como para epatar a ninguén: remesturas de temas como Eye hate Ou, Gold ou P Control, ademais de música incidental e algún experimento sonoro a cargo de The New Power Generation. Imos, cousa máis para completistas e nostálxicos que para o seguidor medio de Prince. Máis interese terá a pronta reedición de Chaos & disorder, o último disco de Prince para Warner en 1996, antes de romper relacións coa compaña, e que nunca foi reeditado. Agardaremos a ver que atopan no baúl dos recordos de Prince.