Natalia, dúas semanas no n.º 1

CARLOS PEREIRO

FUGAS

Internet

A de Pamplona volve mostrar que «Operación Triunfo» pode ser un trampolín para o éxito sen perder o estilo e o carisma persoal

09 ago 2019 . Actualizado ás 12:28 h.

Se hai un programa que xere certa discordancia no ámbito da crítica musical, ese é Operación Triunfo. Non son poucos os melómanos que acharon na fórmula OT un inimigo ao que bater, acusando o programa de promover un camiño ao éxito un tanto desacertado, dalgún xeito ficticio; pero a realidade é que o público responde de xeito máis que grata aos artistas que del saen. Tras a súa desaparición e a súa respectiva volta, cun obrigado lavado de cara ao formato, Operación Triunfo volveu ser ese fenómeno de masas que demostrou que podía ser con Bisbal, Rosa e Bustamante. Roi, Amaia, Aitana, Cepeda, Roi, Sabela e Ana fixéronse cun oco na industria -moitos máis nomes que en calquera edición pasada-. Por iso, talvez había certo escepticismo co que podería pasar coa tempada seguinte a esta, pero Natalia Lacunza é o exemplo de que hai sitio para máis artistas vindas desde o reality.

A de Pamplona leva dúas semanas ocupando o posto número 1 da lista española de vendas de discos en territorio nacional. É un feito meritorio. O seu álbum debut, Outras ás, funciona á perfección dentro do pop mainstream do que tanto gusta YouTube. A exconcursante de OT situouse por amais de Bruce Springsteen e a súa recentemente estreado traballo de corte acústico, ese sereno Western stars. E si, moi preto en números atopamos outro nome ben coñecido: Aitana, co seu Spoiler. Logo Alejandro Sanz, The Black Keys ou Kylie Minogue.

Natalia posúe esa versatilidade que tanto éxito xerou ultimamente a certos artistas. Non ten receos en utilizar como base unha mestura de electrónica e pop, como se agarra tan só dunha guitarra flamenca en Nana triste, canción que interpreta xunto a outro talento emerxente que está por despegar, como é o cantautor Guitarricadelafuente. Este artista que ha ir facéndose un nome no panorama español grazas aos seus vídeos de YouTube preséntase como unha aposta intimista e próxima a eses compositores clásicos, de letra e ritmo suave, profundo. Este tema leva xa máis de cinco millóns de reproducións na plataforma de Google.

Un disco completo

O álbum de Natalia preséntase como unha obra máis que complexa do que a priori un podería agardar. Lonxe de calquera prexuízo, a cantante soubo trazar esa liña evidente e necesaria de ser máis que unha canción ou un hit estival. Composicións como Olivia son melodías de perfecta funcionalidade, tentadoras ao oído. Hai tempo para o baile con Tarántula , pero tamén para elevarse con certa fraxilidade e unha excelente produción en Gata negra. Un sobrenome que ben se lle podería aplicar á de Pamplona, que se describe en primeira persoa a través duns versos endiabladamente adictivos e certeiros.

O que está claro é que Natalia volve a ejemplificar que os segundos e terceiros postos de Operación Triunfo simulan ter a bendición do éxito dun xeito máis masivo e temperá.