Un manual para ser mellores lectores

FUGAS

09 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A cita atribuída a Somerset Maughan que precede o prólogo e os doce capítulos de Como pensan os escritores non pode ser máis certeira: «Hai tres regulas para escribir unha novela. Por desgraza, ninguén sabe cales son». Se hai unha regra que caracteriza a novela, esa é precisamente a ausencia de regras: nela cabe todo, sen importar o contido ou a forma que adopta; con todo, o resultado, por inclasificable que sexa, é, de xeito evidente, unha novela. E isto mesmo explica a súa vixencia, por moitos agoreiros que vaticinen ou mesmo ratifiquen a súa morte, e a radical modernidade de novelas escritas hai varios séculos.

A cita tamén pode entenderse como unha alusión irónica a eses manuais que, con maior ou menor acerto, estruturan os procesos de escritura desde a inspiración e os primeiros borradores ata as prometedoras correccións de galeradas dun libro a piques de entrar en imprenta. Como pensan os escritores -tradución de Laura Ibáñez- segue un patrón similar, tocando cuestións como o arranque e a conclusión, o punto de vista e os diálogos, a diferenza entre argumento e historia ou o ritmo da prosa.

Con todo, Richard Cohen (Birmingham, 19479 -autores dun moi interesante e ameno tomo sobre esgrima, Brandir a espada- ofrece un caudal de información e de citas, extraídas tanto de clásicos como de títulos contemporáneos -iso si, con preferencia anglosaxoa-, que permiten ver como un determinado autor ha resolto unha situación dun determinado xeito. Algo que, como todo aspirante a escribir sabe, poucas veces vale cando hai que buscar outra solución orixinal ao problema no que un se meteu na páxina. O cal non resta utilidade ao libro de Cohen, todo o contrario. É un bo inventario de estratexia literaria, pero, sobre todo, é unha homenaxe á lectura atenta, esa que permite gozar aínda máis dunha obra. A erudición que desprega o autor, que vai desde unha historia de como evolucionou a percepción do plaxio ás regras do London Detection Club, non cansa. E a ela engádelle valiosas experiencias da súa carreira como editor, moitas delas confidencias inéditas. Tras ler este libro, talvez non sexamos mellores escritores, pero si, sin duda, mellores lectores.