Así é a ruta de Marcela e Elisa

Mila Méndez Otero
MILA MÉNDEZ A Coruña

FUGAS

MARCOS MÍGUEZ

Unha visita guiada invita a seguir os pasos das dúas mulleres do «primeiro matrimonio sen home»

02 ago 2019 . Actualizado ás 13:49 h.

Paseamos polos recunchos dun amor prohibido. Polos escenarios dunha historia que podería ter ocorrido en calquera parte, pero desenvolveuse aquí, entre Dumbría e A Coruña. Detémonos nesta cidade, na que se namoraron e casaron as protagonistas do romance que deu a volta ao mundo coa película de Isabel Coixet. Podémola ver en Netflix ou ler no libro no que se inspirou a cineasta, o do investigador Narciso de Gabriel. Esta vez propomos vivir unha experiencia distinta. Pisar as paraxes que marcaron ao primeiro matrimonio sen home.

A ruta, que organizan o promotor cultural Xosé Ramón Novoa e a guía turística oficial Guadalupe R. Martín, brinda esta posibilidade. Un percorrido por aquela Coruña que coñeceron Marcela e Elisa. Dous referentes, sen pretendelo, do movemento LGTBI «Son personaxes atractivos para a historia, os visitantes senten interese por coñecer as súas vidas», conta Lupe, a condutora das visitas. O seu traballo por Europa permitiulle constatar a popularidade da parella. Desde Rusia ata Marsella. «Foron dúas mulleres que fixeron o que non se agardaba de elas», explica así esta fascinación Lupe.

Paradas obrigadas

Hai que pórse en contexto. Finais do século XIX e comezos do XX, a voda foi en 1901. A cidade non escapou ás transformacións que percorrían Europa. Aquí tamén chegou o tren, abríronse as murallas para a expansión da urbe e o estilo modernista conquistou aos arquitectos mentres rabexadas do movemento feminista deixaban o seu sinal nas cigarreras, unhas pioneiras na loita polos dereitos laborais. Un mozo Pablo Picasso estreaba en 1895 a súa primeira exposición na rúa Real mentres o fotógrafo José Sellier (o mesmo que inmortalizou o seu casamento) proxectaba os filmes dos Lumière e dispúñase a rodar a súa propia cinta. A Coruña era un porto de comerciantes onde a alta burguesía impuña os canons, o xornalista de La Voz de Galicia Alejandro Barreiro seguía a pista das dúas mestras e Emilia Pardo Bazán dedicaba un ensaio á coraxe do travestismo de Elisa.

MARCOS MÍGUEZ

A praza de María Pita, aínda sen o pazo municipal pero si, entón, coa Escola Normal na que coincidiron na década de 1880 e coa redacción histórica de La Voz, que destapou o engano de Mario (Elisa vestida de home); a igrexa de San Jorge, onde casaron; a rúa San Andrés, onde se situaba a pensión Corcubión na que pasaron a noite de vodas, ou a praza de España, preto da que vivían os pais de Marcela, son algunhas das paradas. Tamén o local Bordello. «É o fin da viaxe, onde Miguel, a súa coctelero, dá unha charla sobre as bebidas que tomaban as mulleres naquela época -elas brindaron con jerez na voda- e serve un combinado especial para os asistentes», indica Novoa.

Os personaxes, as localizacións e o contexto histórico son tres dos ingredientes dun tour que dura algo menos de dúas horas, ocupa tres quilómetros e celébrase os sábados. As reservas pódense realizar aquí: www.elisaymarcela.com.