Ourika, muller negra

DIEGO AMEIXEIRAS

FUGAS

26 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Claire de Duras (1777-1828), aristócrata de simpatías liberais, escribiu tres novelas que nos últimos anos espertaron o interese da crítica feminista, malia ser unha autora pouco difundida alén das fronteiras francesas. Ourika, unha especie de best-seller do seu tempo, recuperada en galego nesta excelente tradución de Xavier Senín, está baseada nas vivencias dunha rapaza senegalesa educada por unha familia próxima á autora, e sobre a que a de Duras construíu unha intensa nouvelle coa que lle dá voz aos desvelos dunha muller negra.

Esta característica do texto (a visión feminina da cuestión racial), insólita naquela época, outórgalle á narración un indiscutible valor político, pero sería errado reducir o seu interese ao feminismo avant la lettre que atravesa as súas páxinas. Ourika, publicada en 1823, é unha brillante peza literaria sobre a diferenza, á que se lle agradece a ausencia de excesos moralistas e unha fina contención dramática. Ourika, a protagonista senegalesa, vive cunha dama da alta sociedade dende que era un bebé, froito dun «agasallo» entre familias. E aínda que a súa infancia transcorre sen grandes sobresaltos, coma calquera cativa do seu contorno, a chegada da adolescencia esperta as súas primeiras inseguridades no plano emocional, que no seu caso se ven incrementadas pola súa condición de xénero e raza.

Esta Ourika en crise é unha rapaza negra que vive nun mundo branco, patriarcal e clasista onde sabe que lle será difícil desenvolverse sen a ameaza da discriminación e o estigma racial. A autora encárgase, en apenas cincuenta páxinas, de pasarlle o bisturí a esas turbacións, e sorprende que en ningún momento (cómpre entender o final no seu contexto) se precipite en desmandos sentimentalistas. Todo o contrario: estamos ante un elegante testemuño do que supón ser e sentirse diferente. Se Donald Trump descobre algún día a Claire de Duras, halle parecer Ulrike Meinhof.