Kafka nunca escribiu «A metamorfose»

LAUREANO ARAUJO

FUGAS

26 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

En 1915 publicouse un relato que se convertería nun clásico. Franz Kafka, o seu autor, intitulouno Die Verwandlung. Dez anos despois apareceu en España a tradución deste libro fascinante. O nome do tradutor perdeuse nas brumas do tempo, mentres o título que lle deu á súa versión fixo fortuna: La metamorfosis. Este fermoso título foi asumido por outras traducións, como a francesa, a inglesa ou a italiana. Hoxe, case un século despois, millóns de occidentais seguen a crer que Kafka escribiu A metamorfose. Kafka, porén, non fixo tal.

É dicir: Kafka non escribiu Die Metamorphose. Nunha carta de finais de 1912, mencionou que o conto que estaba a escribir se ía chamar Verwandlung. Utilizou este concepto ('transformación'/'transformar') catro veces en relación inmediata con Gregor Samsa, o desgraciado protagonista; a primeira no título e a segunda nada máis empezar o relato. Era un escritor moi perfeccionista. Por que hai logo tantas traducións que utilizan o termo metamorfose unicamente no título? Ou habería que usar metamorfose/metamorfosear tamén no texto?

E por que, de feito, Kafka non empregou a palabra Metamorphose en Die Verwandlung nin unha soa vez? Ocórrensenos catro razóns plausibeis. Para empezar, este non é un texto mitolóxico ou fantástico, non pretende inserirse na tradición das metamorfoses xunto ás Metamorfoses de Ovidio. Parece máis ben un pulcro informe escrito cunha linguaxe obxectiva e precisa, un tanto burocrática, artificiosa e reiterativa, nada sentimental. Pero, e en segundo lugar, tampouco estamos ante un ditame científico -botánico, xeolóxico, zoolóxico-, onde o uso do termo metamorfose sería normal, ao contrario do que sucede na vida ordinaria dos falantes de alemán. En terceiro lugar, igual este termo non casaba moi ben coa dimensión irónica, cómica, grotesca do texto.

En cuarto e último lugar, aludir a unha metamorfose dirixiría a atención case en exclusiva cara ao protagonista, quen realmente semella padecer unha metamorfose en sentido zoolóxico. Gregor Samsa, enguedellado nunha lóxica onírica que nada ten de natural, observa como a súa transformación dilúe a súa humanidade pero non consegue liberalo do esmagador poder do pai. Nin sequera animalizándose é quen de subtraerse ao dominio paterno. Pero sucede que tamén no seu ámbito familiar e social se revela unha significativa transformación mental e emocional. Die Verwandlung é, en efecto, un dos achegamentos á familia e á sociedade máis salvaxes e sinistros da literatura. Realmente pensamos que toda a tristeza e o horror que encerra esta obra poden ser o produto dunha simple metamorfose?

Malia a súa enorme importancia, a tradución é un oficio duro, mal pagado e pouco recoñecido. Un tradutor debe tomar innumerabeis decisións difíciles, e entre elas pode haber, desde logo, algunha desafortunada, como esta de escoller un título como A metamorfose. Que hoxe poidamos ler en portugués A Transformação, en español La transformación, en catalán La transformació e en inglés The Transformation débese sen dúbida a que por fin os tradutores se decataron de que ese si que é o libro que Franz Kafka escribiu: A transformación.