A mellor selección de libros para os máis lunáticos

FUGAS

Cedida

As editoriais envórcanse co aniversario do Apolo 11. Estes son algúns dos títulos máis destacados sobre aquela odisea espacial

19 jul 2019 . Actualizado ás 13:10 h.

Era un domingo pola tarde e o marcador anunciou: «¡Están na lúa!». A foto deste instante de xúbilo nun partido de béisbol en Filadelfia é Historia. O 20 de xullo de 1969 a ciencia ficción fíxose realidade. Neil Armstrong e Buzz Aldrin, por esta orde, convertéronse nas dúas primeiras persoas en pisar a superficie lunar mentres Michael Collins permaneceu no módulo de comando do Columbia. Un equipo de 400.000 científicos cumpriu a promesa formulada por Kennedy en 1960. Cun orzamento de 24.000 millóns de dólares e unha retransmisión televisiva que deu a volta ao planeta, o satélite situado a 386.000 quilómetros antollouse terreal. A fascinación que esperta aquela viaxe de 76 horas de ida no Apolo 11 e do que se cumpren 50 anos segue inspirando aos lectores máis lunáticos. 

Novos na librería

As editoriais non quixeron desaproveitar o efecto lunar. Unha das novidades é As mil caras da Lúa, da astrofísica española Eva Villaver. A profesora da Complutense entrelaza coñecemento científico con tradición cultural. Villaver di que «non hai nada máis incorrecto que dicir que estamos a regresar á Lúa». Sempre estivo aí. Marca o ritmo da vida na Terra, estabiliza o seu eixo de rotación e ordena o tictac do reloxo biolóxico.

Tamén novo é Apolo 11. Asínao Eduardo GarcíaChama , enxeñeiro español que traballa na NASA, onde forma parte do Programa Orión, que contempla o desenvolvemento da nova nave tripulada coa que a axencia norteamericana volverá á Lúa e quere viaxar a Marte. A novela conxuga perspectiva técnica e humana. A través das transcricións oficiais do voo, e das biografías dos seus tres tripulantes, reconstrúe os momentos decisivos daquela odisea.

Xogando coa frase de Armstrong que é xa parte da nosa historia, Rafael Clemente asina todo un clásico para lunáticos: Un pequeno paso para [un] home. O fundador de CosmoCaixa en Barcelona inclúe o matiz do artigo indeterminado, o «un» que se obviou nos relatos posteriores. O enxeñeiro detense nos pequenos detalles da xesta considerada como a viaxe máis épica da Humanidade. Unha aposta pola explotación espacial que alimentou a Guerra Fría. En 1961 a extinta URSS fixo historia ao pór en órbita ao primeiro ser humano: Yuri Gagarin. Esta rivalidade desenvólvea o historiador Ricardo Artola na carreira espacial: do Sputnik ao Apolo 11. Un libro capaz de facer crente ao máis escéptico coa conquista do satélite.

A edición orixinal costa 750 euros, pero en castelán podemos adquirila por 30. Moonfire recompila extractos do texto de Norman Mailer, Of a Fire on the Moon, con imaxes dos arquivos da NASA, hemerotecas e coleccións privadas. Unha xoia bibliográfica. Desde unha perspectiva menos literaria, Laurousse publicou fai uns anos Descubrir a Lúa, unha guía turística ao longo da xeografía lunar, dos seus mares, cráteres e montañas.

Propón 14 sesións de observación. Para rematar, a historia da misión, que concluíu o 24 de xullo cunha amaraxe impecable no Pacífico, é tamén a dos seus tres protagonistas. The First Man é o título que inspirou a película de Damien Chazelle na que Ryan Gosling é o comandante Armstrong. Debate reeditou a biografía de James R. Hansen sobre o astronauta, o único dos tres daquela primeira aluaxe tripulada que xa non vive. Libros para ir ata a Lúa e de volta, como di o popular conto.

 Máis noticias relacionadas