Sabela: «Para min cantar en galego é sentirme na casa»

FUGAS

Sabela está inmersa na produción do seu disco e actúa a vindeira semana na Coruña coa xira de «OT»: «Estou desexando devolverlle todo ou cariño á miña xente»

17 may 2019 . Actualizado ás 16:14 h.

Sabela Ramil está en plena produción do seu primeiro disco, para o que aínda non ten data, e feliz de estar amais do escenario de novo coa xira de Operación Triunfo, que a trae a Galicia o vindeiro día 24 (Coliseum da Coruña, 21.30). Despois do subidón do paso pola academia do programa, Sabela asegura estar desexando devolverlle todo o cariño á súa xente: «Agora quero cantar os temas en galego na casa; xogar aquí sempre axuda. Aí a identidade sae a relucir».

­-No WhatsApp tes escrito: «Canto porque teño voz propia». Toda unha declaración para amosar a diferenza.

-Si. Ao mellor teño esa frase desde hai dous anos, pero é que ao final cada artista ten a súa esencia e a súa voz particular. E a miña é así de sinxela e complexa, pero moi sincera.

­-Nesa sinceridade, confesa: ti crías que apostar polo galego en «OT» sería un inconveniente?

-Cando estaba alí non pensaba en que fose máis difícil ou máis sinxelo. Para min era o natural porque toda a vida estiven ligada á música galega, aínda que tamén á outra, por estudar clásico, non só música tradicional. Era a música que a min me identificaba, a lingua obviamente ía unida. Era un sentimento de identidade, para min cantar en galego era sinxelamente sentirme na casa.

­-En galego sacas as emocións máis sinceras?

-Si. Volvo á esencia, á raíz, para medrar desde aí; cando compoño en galego sáeme desde ese punto. Eu quero retornar ao inicio para coller impulso.

­-Cos compañeiros de «OT» non houbo ningún inconveniente por cantar noutra lingua, todo o contrario.

-Ao revés, tiñamos moi claro o valor da diversidade, era algo que levábamos por bandeira. De feito cantouse en catalán tamén, para nós era algo natural e valioso. ­

-Podes avanzar algo de como será o teu disco? Cal vai ser o estilo Sabela?

-Aínda estou compoñendo, pero a min gústame a música tradicional galega, o pop indie, o jazz... A miña música é unha mestura. De Galicia sigo a Guadi Galego, a Rosa Cedrón por suposto, a Baiuca... Que fan música en galego, pero tamén fóra do tradicional.

­-Quen era o teu preferido en «OT»?

-Iso é mollarse demasiado [ri]. Gústame moito como artista Natalia, Julia tamén, e Dave. Musicalmente falando, claro. O fermoso desta edición era que todos eramos moi diferentes.

­-Nestes meses, cal foi a aprendizaxe?

-Pois eu pensei que tiña paciencia, pero vexo que teño pouca [ri], porque hai que ir traballando pouquiño a pouco. Pisar o freo custoume, é difícil. Eu vou facer 26 anos e tiña moitas ganas, o complicado é adaptarse a unha nova forma de vida. Todo se está poñendo no seu sitio, pero coa música todo é máis fácil.

-Volverías entrar na academia?

-Polo que aprendín si, pero polo feito de estar illada, non. Eu son unha persoa de estar en contacto coa natureza e iso custoume moito. As redes e o móbil dábanme igual. Eu o que quería era saír dar un paseo [ri].

-Con que momento quedas de «OT»?

-Cando só con mirar a un compañeiro sentías que te entendía, estabas en paz dentro dese descoñecemento que era para todos. Eu alí sentía que tiña en quen confiar.