María Sánchez: «Atópome máis machismo cando vou ás cidades que no campo»

FUGAS

cedida

O seu debut no ensaio é un canto cheo de poesía e orgullo por unha terra, as súas mulleres e unha cultura cansas de gardar silencio e ver como se narra, e xulga, o seu mundo desde fóra

19 abr 2019 . Actualizado ás 16:35 h.

«Son unha simple veterinaria de campo». Así se define María Sánchez (Córdoba, 1989), que co seu ensaio Terra de mulleres presenta unha alegación imprescindible sobre a situación do medio rural, esquecido e obviado. «Non somos a España baleira», proclama esta autora andaluza que pon voz ás gandeiras, agricultoras, pastoras, xornaleiras e demais habitantes dos nosos pobos. Faino desde dentro, afastada da mirada paternalista e nihilista que se proxecta desde as cidades. Porque nas marxes, escribe, é onde nace o radical e innovador.

­-No ano 2019, aínda están latentes os tópicos sobre o rural.

-Si, aínda que parece que agora está a cambiar e «está de moda» o campo, sempre houbo un desprezo ao rural, o típico personaxe de Paco Martínez Soria cando chega a Madrid. O ano pasado, unha portada dun medio nacional abriu co seguinte titular: «Terror rural en Galicia», por un crime nunha aldea. Cando sucede en Madrid ou Barcelona, dicimos «terror urbano»? Non. Durante o franquismo incentivouse un éxodo masivo. Quen quedaba no campo? O que non servía. Aquí, ata hai pouco, as familias, por moi humildes que fosen, intentaban sacar ao seu fillo á cidade. Non se lle daba valor ao que facían.

­-Complexo ou descoñecemento?

-Complexo ningún, o complexo metéronnolo desde fóra. Temos un estigma moi dentro que por fin se está quitando. Hai un descoñecemento absoluto e un abandono total do noso medio rural. Como imos querer e protexer algo que non coñecemos? Temos a problemática dos incendios, á que se suma o cambio climático. Por que arden os nosos montes? Porque non hai xente vivindo neles, non hai gandería extensiva que pastoree.

-Mírase con paternalismo.

-Paternalismo e clasismo. É a postal simple e plana. Ou somos Os santos inocentes, brutos, analfabetos, ignorantes, mal vestidos, famentos. Ou somos A cabana de Walden, un sitio onde idealizarnos, onde non hai cobertura. Só paz e silencio. Sempre se escribiu desde as cidades cun certo status e desde un xénero, señores para os que o campo significaba algo que non era traballar, senón pasear, cazar ou, simplemente, ir escribir e volverse.

-Afirma no libro que son «cidadáns de segunda».

-Incentívase que nos vaiamos vivir ás cidades tratando á xente que queda no campo como cidadáns de segunda, que é como nos tratan. Non reivindico un colexio ou un hospital por pobo, pero si uns servizos mínimos por comarca. Non se fala dos anos de recortes que sufrimos.

-Fala de suxeitos «posdomésticos», desconectados do mundo rural.

-Que queremos? Agora que tanto nos preocupa o cambio climático, a sustentabilidade... Quen produce a comida que entra nas cidades? Co territorio que temos, por que non axudamos a eses pequenos produtores? Cando se fala da España baleirada, parece que a xente se foi porque quixo. Foise porque non tiña que comer, non quedaba outra. ¡Que che vou dicir, que es de Galicia! Con todos os que se tiveron que ir...

-Se o mundo rural é o gran esquecido, as súas mulleres fórono por partida dobre.

-As mulleres tiveron un peso fundamental no campo, pero non figuran. A miña nai e a miña avoa traballaron como eles e non constan. Sei que en Galicia pode ser algo diferente. Con todo, hai que dicir que non é o mesmo saír o 8 de marzo nunha marcha feminista nun pobo, onde che coñece todo o mundo, onde che sinalan, que nunha capital. É certo que traballo como veterinaria, non vivo as mesmas situacións que pode vivir unha xornaleira, pero atópome moito máis machismo cando vou ás cidades a falar de literatura que cando vou ao campo a traballar. En Biblioteca Breve, en Barcelona, presentáronme a un importante editor estranxeiro e, cando me coñeceu, o primeiro que me dixo é que, para ser veterinaria de campo, «vestía moi ben». Xa non é só o machismo, é o tópico.

-Aquí tamén están os tópicos: o campo é máis machista, máis conservador...

-Estou cansa diso. O medio rural non ten só un adxectivo nin unha soa forma. É diverso e ten moitas caras, moitísimas historias. Nas cidades hai xente moi conservadora e non falamos disto. 

-O medio rural non necesita que o rescaten, senón que o recoñezan...

-A cultura non só está nas cidades e nos museos. Está na voz e nas mans dos nosos campesiños. É patrimonio, cultura viva. E é preciosa.

«Terra de mulleres»

María Sánchez

EDITORIAL Seix Barral

PÁXINAS 186

PREZO 17 euros