Edurne Portela: «Unha muller que non quere ser nai parece unha anomalía da natureza»

FUGAS

MARCOS MÍGUEZ

Pasamos unha hora coa autora de «Formas de estar lonxe», que profunda na violencia máis sutil, actual e próxima

12 abr 2019 . Actualizado ás 23:17 h.

Hai formas sinxelas de estar preto de Edurne Portela (Santurce, 1974), que trouxo a Galicia as súas Formas de estar lonxe, tan familiares e íntimas, un ano despois de achegarnos Mellor a ausencia, a inmersión na Euskadi dos 80 que recibiu o premio ao mellor libro do 2018 por parte do gremio de librerías de Madrid. «Crecer sempre implica algunha forma de violencia», advirte Amaia, a voz que conduce a primeira novela de Portela, tamén autora do ensaio O eco dos disparos.

Edurne é de raíces galegas e palabras claras, e deu outro estirón co seu terceiro libro. «Se che achegas aos 40 e non tes fillos, venche anómala, a muller que non quere ser nai é vista aínda hoxe como unha anomalía da natureza», asegura nun encontro que mantemos na Fundación Luís Seoane da Coruña, dentro do ciclo Somos ou que lemos, sobre un dos temas centrais, o que detona o conflito, na súa novela.

Formas de estar lonxe ten unha lectura actual diversa, a súa equivalencia na sociedade, o modelo convencional de familia e na realidade de (atrévome a dicir) moitas parellas de hoxe. «Nesta novela, retrato o tipo de sociedade na que eu vivín unha chea de anos, a norteamericana, e unha relación tóxica. A de Alicia e Matty era un tipo de relación na que me quería meter. E tiña clara a primeira escena, Alicia encerrada na súa casa sentindo un medo atroz», revela. «Non podería dicir cando empezou todo. Cando a miña vida comezou a torcerse e esa que fun deixou de existir e converteuse nunha muller que se encerraba a chorar nun armario», lemos nun dos contos, como luces vermellas, que integran o prólogo desta novela. É unha advertencia.

Aparquen os seus estereotipos. Prepárense para a dúbida, para non atopar a postura cómoda do prexuízo, e inmiscirse na soidade dunha parella que podería ser a súa, ou a do seu veciño ou un compañeiro de traballo. Seguro que lles resultará familiar.

Matty non é un maltratador de libro. E Alicia, coa súa determinación, formación e carácter, rompe o molde da vítima. Como lectores, imos palpando vultos na escuridade, sutís formas de dominio e submisión, toda a rede de escusas, presións e afectos que tecen a violencia, tabiques que levantan a vergoña e o medo nas relacións desiguais desde os seus cimentos. «Hai que usar con coidado a palabra vítima -apunta Portela-. Eu non quería quedar só coa voz de Alicia. Tiña que coñecer a Matty, e meterme nel. Hai dous puntos de vista, o dela e o del, e unha narradora neutra, que son eu, que se vai focalizando nos dous, en experiencias que lles afectan».

A presión social, a das expectativas e os contos de fadas, castelos e príncipes azuis respírase en Formas de estar lonxe, que retrata a esa xeración de mulleres que creceron co «Se independente e forte como un home aí fóra, pero ten fillos», e chegan os fillos e a desigualdade emerxe como por sorpresa. «Para a maioría das mulleres traballadoras a maternidade é unha encrucillada. Tal como está concibida a organización do traballo e os coidados son elas as que se sacrifican sempre», afirma Portela. Será o peso desta realidade a que esmaga o instinto, a que leva a unha de tres galegas a afirmar hoxe que non queren ter fillos? «Si, hai algo diso, pero tamén mulleres que nunca sentiron esa chamada. Eu sei de sempre que non quero ser nai. Nin de nena xogaba con bonecas».

Está a súa vida na novela? «Alicia non son eu, as dúas temos cousas en común, pero o da novela é un eu traballado», puntualiza. Sentiuse algunha vez como Alicia? «Si». E como Matty? «Non».

Edurne Portela dispara coa palabra. E os seus matices. Sostén que «o feminismo liberal é unha vergoña». Por que? «O feminismo é unha forma de ver a realidade, é a procura da xustiza social. O feminismo liberal o que propón é que a muller chegue ao poder para seguir reproducindo un sistema inxusto. A feminista liberal é a que quere romper o teito de cristal, pero ter a unha traballadora explotada limpándolle os cristais. O feminismo de dereitas é un oxímoron. Usan esta idea do acceso ao poder que é moi tentadora para as mulleres, pero isto non é feminismo», conclúe.

«Formas de estar lonxe»

EDURNE PORTELA

 EDITORIAL GALAXIA GUTENBERG PÁXINAS 235 PREZOS 18,90 euros