Andrés Balado: «Paulina Rubio tratoume de forma exquisita»

FUGAS

JOSE PARDO

Falamos cun dos concursantes que revolucionou «La Voz», o rockeiro de Cariño que se gañou o «cariño» de todos os «coachs»

22 mares 2019 . Actualizado ás 12:12 h.

Imaxínese que ten 47 anos e que de súpeto a súa vida dá un envorco. Que á madurez viu como o seu soño se fai realidade grazas a un concurso de talentos ao que lle apuntaron as súas fillas. Imaxínese que pasa de cantar co seu grupo de amigos de toda a vida a facelo para toda España en prime time e que amais ten como espectadores de excepción a artistas da talla de Paulina Rubio, Luis Fonsi, Pablo López e Antonio Orozco. Imaxínese que o comparan con Bruce Springsteen e que a xente o segue vendo como un dos favoritos a pesar de caer eliminado... Iso é todo o que lle pasou a Andrés Balado Noal, que acaba de vivir un auténtico carrusel de emocións e experiencias do que aínda non quere nin debe baixar. 

­-É moi forte todo o que che pasou en tan pouco tempo...

-Atópome atafegado por todas as mostras de apoio da xente. Estou no aire, pero cos pés na terra para poder agradecer todo ese cariño.

­-Agora todo o mundo sabe que hai un pobo en Galicia que se chama Cariño...

-É un pobo precioso e a xente é incrible e se podo contribuír a que se coñeza por aí adiante, pois me enche de orgullo moitísimo.

­-Pero as redes creen que Paulina non che tratou ao final con tanto cariño...

-Creo que non é cuestión de cariño, ao final isto é un programa de televisión. Home, gustoume ter pasado. A palabra é chasco? Pois talvez. Podía ter esperanza como a tiñamos todos. É certo que as redes sociais e os comentarios van nesa dirección, pero Paulina tratoume de forma exquisita e, por suposto, todo o equipo. Nunca pensase que o trato fóra tan marabilloso. E Anxo ten unha voz impresionante e como persoa supera mesmo á súa calidade vocal. Paulina decantouse por el e obviamente a min gustoume pasar, pero foi unha decisión entendible.

­-Es consciente de que eras un dos favoritos para gañar «La Voz»?

-Consciente si, pero que mo crea é outra cousa porque iso era moi difícil coa calidade que hai este ano. Pero si son consciente de que moitos comentarios dicían que era un dos favoritos, pero oe, non puido ser.

­-Que che parece que che comparen con Bruce Springsteen?

-Levo escoitando a Bruce desde os 11 anos. Con iso xa creo que che resumo o que podo sentir. É o meu ídolo, de sempre. Non só pola voz que ten porque posiblemente haxa mellores voces que a del, pero o que a min me fai sentir cando canta é moito máis que unha voz, transpórtame onde el quere. Aínda non son capaz de dixerir que me digan que son o Bruce Springsteen galego. Aínda o teño que madurar na miña cabeza. Agradezo moito a Bustamante que me dixo esa frase porque iso me encheu tanto, nin che imaxinas. Pero xa me gustaría cantar como el. Para min é inimitable.

­-E amais vasche pola porta grande cantando «Purple Rain», con Pablo López ao piano e rodeado de todos os «coach»... Un momentazo.

-Iso para min foi incrible. Cantar diante de toda esta xente á que admiras, con Pablo López, que o admiro dun xeito especial, aínda que tamén aos demais, pero que estea a tocar comigo ao piano e, claro, que me fagan esa despedida tan marabillosa pois che podes imaxinar. O desgusto por non ser o elixido duroume dez minutos, pero o resto foi marabilloso. As palabras que resumen todo son emoción e agradecemento.

­-Que che dixo Pablo López cando che ías?

-Se vivía en Galicia e que lle gustaría chamarme. Oxalá que puidese ser, para min sería incrible e impensable.

­-Tes algún proxecto en mente?

-Hai cosillas, pero todo está no aire porque, loxicamente, non sei aínda por onde teño que tirar, pero o que si sei é que estou disposto a intentalo. Por que? Porque toda a miña familia me apoia ao cento por cento. A miña muller desde sempre, as miñas irmás, os meus cuñados, os meus curmáns... E sobre todo, as miñas fillas. É importantísimo que elas queiran que o seu pai intente lograr o seu soño [crébaselle a voz] e perdoa que me emocione un pouco. Vouno intentar, vou intentar estirar isto o máximo que poida porque o corpo mo pide e teño apoios por todos os lados.

­-Temes que xa sexa tarde para poder acadar o teu soño?

-Non, porque xa o cumprín. Primeiro pola complicidade de toda a xente do meu pobo. Conseguir que todos se emocionen comigo e fagan da miña experiencia algo seu xa é máis que gañar. Nin pensaba que iso puidese ser posible. Doutra banda, a cantidade de apoios privados e en redes sociais que teño, pódesche imaxinar. Que máis me pode saír? Pois non o sei, pero sen dúbida o soño xa o cumprín. Que me gustaría publicar un cedé con temas propios? Obviamente, como todo o mundo, pero bo, eu o soño xa o teño máis que cumprido. O cariño da xente para min é o máis importante. E sobre todo, o da miña familia, á que sempre estarei moi agradecido por todo o que fixeron.