Quero ser feliz

Fran Alonso

FUGAS

O escritor e editor de Xerais Fran Alonso reflexiona sobre a relación da literatura coa felicidade

01 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O dato máis destacado do Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros en España en 2018, que acaba de facerse público, é unha cuestión que non apareceu en ningún medio de comunicación. Para min é bastante relevante, pero pasou desapercibida. Segundo o Barómetro, o 79,9 % das mulleres lectoras e o 71,7 % dos homes lectores afirman que o feito de ler os fai máis felices. Case todos os medios apuntaron os seus titulares cara ao crecemento ou a ausencia do hábito lector, meros datos estatísticos. Pero, curiosamente, ninguén falou da importancia da felicidade.

Bertrand Russell, un dos pensadores máis lúcidos e comprometidos do século XX, explicounos que a felicidade é unha conquista, e que hai que aprender a facela nosa, a gozala. Supoño que a felicidade debe ser importante na nosa sociedade e nas nosas vidas, porque, en definitiva, é felicidade o que nos venden a maior parte dos anuncios publicitarios. Asociada ao produto, evidentemente, pero felicidade ao cabo. Vese que a felicidade é un desexo bastante común, unha procura inherente ao ser humano. Todos queremos ser felices. Non si?

A Real Academia Galega define a felicidade como un «estado de plena satisfacción». Claro que xa nos advertiu Aldous Huxley, ironicamente, que a felicidade tamén pode ser sinónimo de inconsciencia, de alienación. Certo, pero ese non é o tipo de felicidade que produce a lectura; non ha ser precisamente alienante, senón máis ben o contrario. A lectura inxéctanos a felicidade de gozar de máis vidas que os gatos, de vivir moito máis plenamente, de saber, de experimentar, de coñecer, de comprender. Eu, pola contra, asocio a incomprensión e o atordamento coa infelicidade. Se non entendo, non teño acougo. Por iso me parecen tan infelices os xenófobos, os homófobos, os machistas e os intolerantes en xeral. Porque non comprenden, pobres. Tampouco deben ler.

Nos libros habitan personaxes de todo tipo: alegres, maniáticos, tristes, fanáticos, comprensivos, ideoloxizados, alienados, feridos... personaxes riquísimos, diversos, de múltiples perfís. E a lectura axúdanos a comprendelos ao tempo que nos fai felices por dotarnos de capacidade para comprendelos.

A felicidade é levar unha vida significativa, asegurou Orhan Pamuk nalgunha ocasión. Tamén confesou que escribe para conseguir a felicidade. Pero, coma se fose un paradoxo, a literatura apenas fala da felicidade. Podería parecer un contrasentido: somos felices lendo porque entendemos a infelicidade dos demais. Tolstoi dicía que a felicidade é unha alegoría e a infelicidade unha historia. Calquera escritor sabe que na felicidade apenas hai nada que contar. A literatura ten esa maxia, ese poder contraditorio; relata a infelicidade para facernos felices. E o máis abraiante é que o consegue. Marcho a ler.