José Mota: «Intento facer un traballo o máis serio posible»

FUGAS

rtve

José Mota aterra o próximo 23 de febreiro na Coruña con Florentino Fernández e Santiago Segura cun espectáculo que ten os risos asegurados

15 feb 2019 . Actualizado ás 23:25 h.

Tres xenios do humor xúntanse por primeira vez nun escenario co show O sentido do humor: Dous bobos e eu. Santiago Segura, Florentino Fernández e José Mota ofrecerannos a súa particular versión sobre o sentido do humor, algo do que van sobrados.

-«Dous bobos e eu». A min gustaríame saber quen presenta o espectáculo?

-[Risos]. Dise varias veces, pero é unha frase feita, non alude a ninguén e con iso xogamos.

-Facedes unha análise do sentido do humor, non?

-É como unha especie de relatorio en torno ao humor, ao riso, a cando empezou todo, o primeiro chiste da historia, cores do humor: branco, negro, verde... Os exemplos que pomos en cada un dos temas que tocamos, son os que disparan a comedia. Pomos exemplos do humor verde, do negro, ou cada un damos a nosa versión sobre o primeiro chiste da historia.

-Miúdo trío.

-Si, xuntos de novo por primeira vez, din nada máis empezar.

-Podedes ter unha conversación seria?

-A verdade é que somos bastante gansos. Dificilmente, algunhas veces, pero tratamos de pasalo ben.

-Parécese o sentido do humor de Santiago Segura e Florentino Fernández ao teu?

-Eu creo que Santiago é máis especialista na ironía, é francamente fino manexando esta ferramenta, é un tío superrápido, e Florentino é un tipo de vis cómica innata incontestable. Cada un representamos unha cousa.

-Din que ti fas un humor moi elaborado.

-Trato de devolver ao espectador o que me leva dando estes 30 anos. Intento facer un traballo o máis serio posible, tanto nos fins de ano como no calquera traballo que fago. Non se se isto me pode caracterizar, pero autodefinirme dáme vergoña.

-Tal e como está o patio, ti crees que se pode seguir facendo humor sen pensar nos xulgados?

-É moi complicado, é verdade que o humor está a transitar cada vez por corredores máis estreitos, e iso é unha pena porque creo que ao humor non hai que terlle medo. Hai que pensar que é unha arma de construción masiva que serve para unir e creo que nos fai libres. Non é bo ter medo ao humor. Unha sociedade que abraza o humor é socialmente máis sa, baixo o meu punto de vista.

-Hai que atopar o punto que faga rir sen que outros se enfaden. Complicado.

-É moi difícil, porque onde está o punto exacto? É complicado. Se ti me preguntas se eu poría letreiros de «prohibido» ou portas de «prohibido» ao humor, eu non. Do mesmo xeito, creo que cada artista terá o seu propio código ético, pois isto me apetecerá facelo e isto non. Que estamos atravesando un momento mundial de dificultade porque o discurso do politicamente correcto secuestrou ao humor? É verdade, pero as cousas non son tan sinxelas, porque da man tamén viñeron logros sociais. Tamén se trampea moito xulgando hoxe as cousas que se facían fai vinte ou trinta anos. Iso é trampear. Eu creo que as cousas hai que sobredimensionalas acordes ao momento en que se fixeron.

-A que lle fas cruz e raia nesta vida?

-Co paso dos anos cada vez apetéceme menos o ruído, ruído que molesta. Apetéceme pasarmo ben nos proxectos que fago, hoxe pésame máis iso que os réditos económicos que me poida deixar. Se logo, como neste caso, é un bombazo, non podo pedir máis. É un agasallo.