O tahúr que acha a beleza na mínima expresión

FUGAS

Álvaro Ballesteros

Win Mertens asomarase esta noite ao Teatro Colón, da Coruña

01 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Xorden cada certo tempo determinadas expresións que calan ata o tuétano no persoal e que se converten en cita recorrente ata chegar ao hastío. A do ano pasado creo que foi aquilo de «saír da zona de confort». ¡Que pesadelo! Pois ben, polo escoitado nos últimos meses vai camiño de sucederlle «menos é máis», unha cuestionable aseveración revestida de grandilocuencia, cando non de falsa modestia.

Non é o caso, sen dúbida, de quen hai décadas converteu en máxima substancial da súa creación a frase hoxe de moda. E a iso dedicou a súa vida e a súa carreira.

A finais dos 70, cando o devir da música debatíase entre tendencias tan antagónicas como o visceral primitivismo do punk, a barroca sofisticación da new age e a lúdica frivolidade do tecnopop xurdiu en escena un grupo de compositores que romperon os esquemas polo flanco máis inesperado. Desposuíndo por completo á súa música de elementos ornamentais e profundado nas posibilidades harmónicas e cativadoras da reiteración. Eran os minimalistas.

Nesa xenérica epígrafe se enclavaron músicos de tan distinta pelame como Michael Nyman, Philip Glass, Laurie Anderson ou o belga que esta noite se asomará tras o pano do Colón, Win Mertens.

A traxectoria de Mertens quedou marcada pola publicación en 1984 de Maximizing the Audiencie, o disco que máis achegou o minimalismo ao público xeneralista, e pola creación da banda sonora do ventre do arquitecto. Dous fitos nunha traxectoria coherente coa procura da beleza na mínima expresión.

A Coruña TEATRO COLÓN venres, 20.30 DESDE 23,60 EUROS