Felices 50, «Cowboy de medianoite»

TEXTO: ANA ABELENDA

FUGAS

Internet

Este 2019 cúmprese medio século dun dos Óscar máis indies de Hollywood

25 ene 2019 . Actualizado ás 12:16 h.

Posta a elixir as dez pelis que marcaron a miña vida, que se quedaron a vivir na memoria como unha luz parpadeante (ou como unha mancha de bebida no patio de butacas), unha sin duda dese top ten persoal sería a do cowboy máis indie e humano que rodou nos últimos tempos pola Gran Mazá. Pasou medio século, e coma se nada, coma se aínda hoxe puidese cabalgar cara aos Óscar, aínda que non se mediría xa a Dous homes e un destino, a outra favorita do seu ano, senón a Roma . Cowboy de medianoite cumpre 50 sen que se me ocorra un personaxe mellor para Jon Voight. Tamén, sen que poida rehuir o feitizo dunha das secuencias míticas da historia do cine e do Everybody's Talkin' at Compasar ao paso de Joe Buck (Voight) camiñando entre a bruma do xentío neoiorquino xunto ao seu amigo, o estafador tísico con corazón Ratso (Dustin Hoffman). O momento taxi, din, foi improvisado. O cowboy que rompeu en pedazos o soño americano aínda impacta 50 anos despois, seduce coa densidade emocional das historias ben contadas, e non por ser a única peli cualificada cunha X que gañou a figura máis dourada de Hollywood, nin polo seu punto Warhol, tampouco pola súa sutil chiscadela á homosexualidade. Hai quen aseguran que o clásico de Schlesinger, baseado na novela de James Leo Herlihy, foi o primeiro filme de temática gai que pillou óscar, pero a dúbida segue aínda planeando sobre esa amizade de cine memorable, que compensa a soidade de Manhattan, a falta de oportunidades, os soños rotos que acaban por facerche pedazos. Este par de perdedores téñennos gañados. Son pedazos que, a pesar de todo, seguen soñando. Everybody's talking at me. I dons't hear a word they're saying. Only the echoes of my mind. 

Uauauauauauá.