As series máis agardadas do 2019

FUGAS

cedida

Os dentes están longos: repasamos as producións que debutan e tamén as que regresan -que son moitas- este 2019. O calendario non dá nin un só respiro

14 ene 2019 . Actualizado ás 22:06 h.

Tres segundos e a adrenalina disparada. HBO aproveitouse do letargo do día de Reis para collernos desprevidos: deixounos encher o bandullo de doces e salgados, recuperar horas de soño, reiniciar a mente -desatascala, arrombala- e, cando boamente considerou que era hora de arrincar o ano -que ata o 7 de xaneiro non fai máis que quentar-, a cadea liberou discretamente o seu artefacto: unha primeira ollada de apenas un minuto ás súas novidades para o 2019.

Aí estaba Mahershala Ali en crequenas fotografando a escena dun deses crimes «que nin a memoria máis fráxil pode esquecer», anticipando a volta ás orixes de True Detective, que este domingo estrea terceira entrega -e que entrega, din os que xa a viron-. Aí, uns axentes enmascarados que dan pistas sobre Watchmen, a distopía inspirada na icónica novela gráfica de Alan Moore e Dave Gibbons que Damon Lindelof (Lost, TheLeftovers ) ambienta no mesmo mundo, 30 anos despois: os superheroes son agora os criminais.

Tamén aí, no segundo 20, os primeiros flashes de Euphoria , a «versión adolescente de Trainspotting », din, e tres planos, a continuación, da segunda tempada de Big Little Lies: Meryl Streep primeiro, Reese Witherspoon despois, e unha última imaxe conxunta de Madeline, Jane, Bonnie, Celeste e Renata en plena roda de recoñecemento, enfundadas nos mesmos estupendos traxes que vestían a fatídica noite, máscara de pestanas seca, callada -e aquela bucólica escena de todas xuntas na praia?-.

Logo Veep e Barry, Succession e Chernobyl, unha miniserie de cinco capítulos, protagonizada por Emily Watson, Stellan Skarsgård e Jared Harris, sobre a catástrofe de 1986. E, polo medio -a ver se así pasaban desapercibidos- tres segundos de Xogo de Tronos. Pero non. Claro que non resultaron inadvertidos.

A última tempada da serie inspirada na saga fantástica de George R.R. Martin -o broche de lume, a xeada final- é, para que enganarnos, o acontecemento televisivo máis agardado deste 2019. Todo o demais queda chiquitito ao seu lado, mingua asfixiado por unha superprodución que para despedirse promete seis prodixiosas películas -cada capítulo durará uns 80 minutos- nas que se investiu un orzamento total de 90 millóns de euros e que, con todo, corren o risco, por tan altas as súas expectativas, de resultar unha gran catástrofe. Canta máis altura, máis ruído ao caer.

Se algo nos ensinou ademais Xogo de Tronos é que nada é o que parece. Presumiblemente, volverá virarnos a cabeza no seu adeus, facéndonos desaprender todo o que aprendemos neste larguísimo viaxe. Pero talvez a sorpresa do ano estea noutros mundos: no upside down de Stranger Things ou na república de Gilead (O conto da criada), nas rúas de Florencia -onde se rodou parte da terceira entrega da Casa de Papel, cuxos creadores estrean tamén O embarcadoiro en Movistar +-, na Inglaterra de finais dos 60 ou na «illa do meridiano», onde os irmáns galegos Pepe e Jorge Coira ambientan o asfixiante drama policial Hierro , protagonizado por Candela Pena e Darío Grandinetti.

Acomódense e denle ao play.

Os regresos máis agardados

1. «Stranger Things 3»

Verán do 85 en Hawkings. A terceira entrega chegará o 4 de xullo, contará con oito episodios e incorporará na súa repartición a Maya Hawke, filla de Ethan Hawke e Uma Thurman.

2. «Big Little Lies 2»

Benvida Meryl Streep .Os sete novos episodios estrearanse en xuño, coa fichaxe estrela de Meryl Streep como nai de Perry. Haberá, ademais, outros catro novos personaxes.

3. «A casa de papel 3»

Volve (dalgún xeito) Berlín. A serie de fala non inglesa máis vista da historia de Netflix regresa coa incorporación de Najwa Nimri e as expectativas altas sobre a historia de Berlín.

4. «Xogo de tronos 8»

Quen ocupará o trono? HBO estreará en abril a última tempada de «Xogo de Tronos»: seis capítulos longos (roldarán os 80 minutos) e espectaculares (cada episodio ten un orzamento de 13 millóns de euros). Haberá un combate épico no terceiro, «a batalla que acabará con todas as batallas (...), un momento histórico para a televisión». O gran enfrontamento entre os humanos e os Camiñantes brancos. Que gañe o mellor.

5. «O conto da criada 3»

O comandante Lawrence. Coñécense, de momento, moi poucos detalles: que o Comandante Lawrence gañará protagonismo e que seguramente se estreará en abril con 13 capítulos.

6. «Peaky Blinders 5»

O crack de 1929. A historia enredarase esta tempada no tecido político europeo de finais dos anos 20, principios dos 30. Terá moito máis peso político.

7. «The Crown 3»

Olivia Colman, a nova raíña. Arrincará a finais dos 60 para narrar os procesos de descolonización, o xubileu da Reina de 1977 e o divorcio de Margarita , en 1978.

As estreas

1. «Success»

Un drama croata de seis episodios, ambientado no Zagreb actual e co selo de Danis Tanovi, que gañou un Óscar con «En terra de ninguén». Conta a historia de catro descoñecidos que acaban interconectados.

2. «The Witcher»

A aposta para encher o baleiro de «Xogo de Tronos»: unha aventura épica, adaptación dunha famosa saga literaria, protagonizada por Henry Cavill na pel dun brujo que loita contra forzas sobrenaturais.

3. «A moza do tambor»

Miniserie de 6 capítulos que adapta a novela homónima de Jonh Lle Carré. Dirixida polo coreano Park Chan-Wook («OldBoy»). Na súa repartición, Alexander Skarsgård («Big Little Lies»). Nova tragicomedia adolescente británica, esta vez centrada na transición cara á maioría de idade e no espertar sexual. Na súa repartición, Gillian Anderson. Estréase hoxe, venres, a nivel mundial.

4. «Euphoria»

Drake e Zendaya. O rapeiro, como produtor; a cantante e actriz, no papel protagonista. Adaptación dunha serie israelí con ecos de «Trainspotting»: mozos coqueteando con sexo, drogas e redes sociais.

5. «Black Monday»

Wall Street, 1986. A nova serie de Showtime, que se estreará o 20 de xaneiro, é unha desvergoñada comedia negra que nos traslada á peor caída do mercado bolsista. Quen tivo a culpa?