Tony Lomba & Elio dous Santos: «O un ao outro nos temos medo»

FUGAS

Óscar Vázquez

Que esta entrevista se publique un 28 de decembro é pura casualidade. Que estes dous personaxes se sigan reunindo cada Nadal despois de 20 anos, un bendito milagre. A música lixeira segue a salvo.

28 dic 2018 . Actualizado ás 09:25 h.

Desde hai 20 anos, moito antes do despregamento lumínico, o Nadal en Vigo viña determinada polo concerto anual de Tony Lomba e Elio dous Santos. Un acontecemento que só Caballero foi quen de eclipsar. Pero ata que punto estes dous personaxes con longa traxectoria e cuestionable definición son almas xemelgas? Para pescudalo sometémolos ao mesmo cuestionario. Por separado, iso si, sen que se puidesen copiar.

-Por que só facedes tres de concertos ao ano?

-Tony Lomba: Porque nos temos medo. Cando nos xuntamos, hai unha capacidade creativa que nos asusta.

-Elio dous Santos: Ai, non sei... A min Tony desgástame, sempre digo que é un vampiro psíquico. Non creo que puidese sobrevivir a tocar con el todas as semanas. Pero un pouco do seu veleno é unha marabilla, moi terapéutico.

-Por que despois de 20 anos seguides facendo estes tres concertos?

-T.L.: Poida que haxa moito de non poder vivir un sen o outro para facer estes majaderismos de cancións. O Nadal non tería sentido sen estes fiestones. É a nosa cea de empresa.

-E.S.: Tony sempre di «veña, polos agasallos de reis dos nenos» pero non, é por amor, pola nosa amizade.

-Por que despois de 20 anos séguense esgotando as entradas?

-T.L.: O día que alguén que vaia a un deses concertos e diga «eu non repito» deixámolo.

-E.S.: Para min iso é un misterio.

-A «xira» deste ano titúlase «Un respetito para Rosalía». Por que?

-T.L.: Porque sempre nos adiantamos ás catarses populares. Cando tes éxito a xente fusílache. Nós temos un trillón de defectos pero nunca seremos esnobs.

-E.S.: Eu teño un gusto moi clásico e popero, non son fan como de oíla no coche pero creo que o de Rosalía é moi real e que chega á xente por iso.

-Parafraseando a letra do voso «hit», que pasaría se Caballero non gasta tanto en lámpadas?

-T.L.: Foder, é que se lle vai a pinza. Aínda que teña acertado. Adoro o seu fundamentalismo localista...

-E.S.: Que non sería Caballero. É o seu método e funciónalle. Non son nin capaz de xulgar un fenómeno tan singular.

-Ademais de Rosalía e Caballero, que outros personaxes barallastes para que protagonizasen o voso hit anual?

-T.L.: María Solar (adorámola), Charles Aznavour e Aretha Franklin, a que nos chivó o de «Un respetito» (Respect).

-E.S.: Calquera do novo ultratripartito, son puro esperpento ibérico.

-Demostrastes sobradamente a vosa falta de escrúpulos, pero a quen xamais lle dedicarías unha canción?

-T.L.: A Aznar. É o máis sucio deste planeta. Aínda que...vaiche a saber. Somos moi gore á hora de crear.

-E.S.: Non naceu procreo maligno que se poida librar das garras de Tony Lomba.

-A vosa canción «España, España» custouvos máis dun desgusto. Arrepíntesche de facela?

-T.L.: Para nada. Define á audiencia. Quen se encabrona non ten capacidade de opinar. Insulta, agride, falsea... Aquelarre para esa gentuza.

-E.S.: ¡Que vai! Encántame tocala. Creo que ten unha gran mensaxe, ese que di que o último que debemos perder é o sentido do humor. É tamén un perfecto detector de idiotas.

-Que é o que máis che irrita ou exaspera cando ocorre algo como o que vos pasou con esa canción?

-T.L.: Nada. Efecto contrario. Erección eiffelística.

-E.S.: Tertulianos insultando a Tony e odiando de oídas. «O malvado cantautor comunista que se burla de España»... Chamarlle cantautor é intolerable.

-Unha recente crónica dicía: «Xuntáronse o misto e o bidón de gasolina». Quen é misto e quen bidón?

-T.L.: Fisicamente eu sería o fósforo pero mentalmente véxome máis facendo un cóctel no bidón.

-E.S.: Por complexión el debería ser o misto, pero supoño que son eu a chispita que necesita o explosivo.

-Que é o que máis che fascina do teu «partenaire» artístico?

-T.L.: Podería dicir que a súa serenidade, a súa maxia para guiarme... ¡Que vos dean! Eu de Elio só falo dos seus defectos. As súas virtudes son poucas e non as loce.

-E.S.: Espértase sempre cheo de enerxía, aínda que teña durmido dúas horas. É coma se celebrase cada novo día no mundo. Esa actitude é marabillosa, chea sabedoría, cero bobadas.

-E algo que non soportes e que nunca che atreviches a dicirllo?

-T.L.: Que teña intentado minguar o meu vestiario. Non vos podedes facer a idea do que loitei para que os nosos shows sexan máis que un desfile de Victoria Secret´s.

-E.S.: Encántalle tensar as cousas xusto cando non hai que tensalas. Case sempre saímos a escena medio pelexados. E cociñar con el tamén é imposible.

-Canto hai en ti de Elio?

-T.L.: É un fifty-fifty creativo. Me ensortijo na súa boneca guitarrera e cabalgo sen cadeira de montar. É a rapa dás bestas máis salvaxe que coñezo.

-Canto hai en ti de Tony?

-E.S.: Cando toco cos Seres Queridos teño esa necesidade de epatar como sexa co publico. Estou seguro de que é influencia súa.