O concerto que conseguirá xuntar a dous celtas históricos

TEXTO: CARLOS PEREIRO

FUGAS

cedida

Carlos Núñez e Alan Stivell unen forzas para tocar sobre un mesmo escenario por primeira vez en Galicia. Unha idea de por si máxica, pero que se verá reforzada grazas a un repertorio único e ao uso duns instrumentos clave dentro da historia propia da comunidade galega. O pasado farase presente

21 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Falar con Carlos Núñez é un exercicio de aprendizaxe modélico. Ao outro lado do teléfono sitúase unha voz que conta de maneira apaixonada un relato tan especial como é falar do pasado musical da comunidade galega. Un exercicio de enorme interese plasmado agora en formato libro grazas ao primeiro libro do gaiteiro vigués, A irmandade dous celtas. Un percorrido vital do que somos grazas a música, e analizado dende múltiples perspectivas: histórica, cultural, social...

E para celebrar o seu éxito (xa vai pola cuarta edición), que mellor que tocalo, que darlle melodía, e que mellor escenario que Galicia. Núñez volta tocar na súa casa, e farao cun elenco de primeira división: Amy Eckersley, voz e violín; Jon Pilaztke, violín e baile; Ciara Taaffe, arpa celta; e Yoann Le Goff, gaita escocesa. Pero hai alguén máis, un invitado de luxo, un celta de raíz. Ao carón do artista galego estará Alan Stivell, o cantautor e arpista francés, coñecido internacionalmente por coroarse como un dos maiores precursores e investigadores da música celta. Para Núñez a cousa está clara: «Vai ser algo histórico».

«Os concertos de Carlos son moi fermosos, moi bos, sen a miña presenza. Espero e tendo a crer que a miña chegada como convidado, mesmo se é para unha participación curta, recibirá unha cálida benvida como a que recibimos xuntos en Francia ou recentemente en Alemaña. Creo que será máis que simbólico», explica Stivell. «Cada encontro con Carlos é un elixir, un verdadeiro impulso vital, onde se mesturan unha gran amizade persoal e unha gran converxencia artística».

Non será a única sorpresa da noite. Os instrumentos do pórtico da Gloria tamén estarán presentes na noite coruñesa. «Cando a xente escoite a Stivell tocar unha destas pezas vai alucinar. É un son completamente contemporáneo. As música célticas, como as medievais, pertencen a unha teoría de música anterior aos sistemas que hoxe adoitamos utilizar de acordes maiores, menores, etcétera... Estas músicas veñen dun sistema anterior, e conectan todo o mundo dos antigos bardos e as músicas anglosaxonas que hoxe consumimos», relata o gaiteiro vigués.

AMIGOS

Amigos dende hai anos, Carlos Núñez e Alan Stivell representan dúas caras da música celta. Conta o bretón daquel encontro que Carlos era moi novo, que non coñecera aínda o comezo da onda celta, pero que o entusiasmo do músico galego era moi similar ao seu, algo que o fixo enormemente feliz naquel momento. Finalmente, Galicia, A Coruña, poderá velos xuntos ao fin nun escenario. Non é a primeira vez para ambos, pero si o será para esta comunidade.

Aínda hai oco para máis. Durante o espectáculo interpretaranse cancións do manuscrito Robert ap Huw, a única música coñecida a día de hoxe, transcrita no século XVI, e que provén dos antigos bardos celtas. Pero é máis antiga, chegando a facer referencias ás lendas artúricas. Pura maxia.

Carlos Núñez e Alan Stivell, dous celtas que unen forzas entre arpas, violíns e gaitas. Un escenario sobre o que levalo a cabo, e a cidade herculina de testemuña. Algo «histórico» si que é.