«Para romper o xeo, é mellor falar de música que do tempo»

FUGAS

cedida

É pura enerxía. Judith Mateo chega co seu primeiro libro debaixo do brazo, «101 cancións coas que che ligarías a calquera», para descubrirnos que a música xoga un papel nas relacións, mentres segue ao pé do canón, rompendo moldes, co seu violín

24 dic 2018 . Actualizado ás 01:06 h.

A todo terreo Judith Mateo, unha das grandes revelacións da música celta, que mestura ao violín o gótico co rock, volve a Galicia para presentar o seu libro e tocar en directo as cancións do seu novo álbum.

-Outubro foi o seu mes, estreou disco e libro. É un proxecto conxunto?

-Son proxectos diferentes, pero teñen sentido xuntos. Por iso adiantamos o lanzamento do disco.

-Como xurdiu o de escribir?

-Planeta ofreceume a oportunidade e para min foi un agasallo. Levo dez anos traballando nos medios, actualmente co meu programa na radio de Castela-A Mancha e na 2 con Clásicos e reverentes. Todos estes anos estiven investigando, lendo e escribindo.

-A música é importante nas relacións?

-Para romper o xeo é mellor falar de música que do tempo. Se eu vou coñecer a unha persoa e descubro que lle gusta o reguetón, morreríame. A música inflúe á hora de poder compartir experiencias.

-Se «101 cancións coas que che ligarías a calquera» non serve, ten plan B?

-Non devolvo o diñeiro (risos). Eu creo que tendo cultura musical si funciona. Ao final do libro hai un cuestionario coas anécdotas máis rocambolescas dos artistas e tamén vén unha listaxe con temas de Spotify para oír co libro.

-Como seleccionou as cancións?

-A metade son artistas femininas e a outra metade masculinas. No libro conto anécdotas curiosas e explico o tratamento musical dalgúns temas.

-A que se debe o nome do disco? Cóntenos...

-Radiestesia é a ciencia dos zahoríes que buscan co péndulo as ondas que a terra transmite. Eu fago un paralelismo, busco co violín esa enerxía para seguir facendo música.

-Muller e violinista. É complicado, concilian ben?

-Si, o paleo a diario. Estudei 15 anos e á hora dunha contratación toda a miña vida me atopei cunha industria que me di: «Ah, pero non cantas?». Por que teño que cantar? Son violinista.

-Como ve o panorama musical en Galicia?

-Dáme moita envexa o tratamento que tedes á vosa música e aos vosos músicos. Creo que con Cataluña é en grao sumo potente do panorama nacional. En Castela-A Mancha non temos ese golpe musical, por iso empecei no folk e na música celta, aí deime conta de que co violín se podía facer máis que clásico.

-Fálase de vostede como a única muller violinista rockeira de España, como se sente?

-Que dalgunha forma abro camiño a todos os nenos e nenas que queren facer música. En Galicia, grazas ao folklore, si hai espazo para mulleres como Susana Seivane ou Cristina Pato.

-Acumula máis dun millón de escoitas en Spotify, está pendente das cifras?

-Non, todo é mercadotecnia. Cando me empezou a pasar foi coa primeira versión que fixen de ACDC que causou sensación porque era a primeira vez que se facía algo así aquí. Actualmente sei que a industria é a que decide que situar. Se por exemplo apostasen polo instrumental a todos lles gustaría, igual que agora mesmo apostan por Rosalía e todo o mundo fala dela.